Archive for Febreiro 16th, 2012

Feb 16 2012

«Finou Xosé Luís Castro, primeiro alcalde en oficializar a toponimia en galego», artigo de Xosé María Lema Suárez

Published by under Documental,Historia


(Escudo nobiliario da Casa do Arco. Foto da páxina do Concello de Laxe. Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
Reproducimos esta necrolóxica do ex-alcalde laxense Xosé Luís Castro que publicou o presidente do Seminario de Estudos Comarcais (Semescom) Xosé María Lema Suárez nos xornais El Correo Gallego e La Voz de Galicia (este último sen rastro na rede para o público xeral, pois seica a todos os contidos só poden acceder os subscritores). Compartimos o noso pesar pola perda deste galeguista. Velaquí o texto ao completo:

Xosé Luís Castro Fernández (Laxe, 1947) estudara en Madrid no anos 60, onde colaborara co grupo Brais Pinto (especialmente cos pintores e debuxantes Reimundo Patiño e Xaquín Marín, e co cineasta Alexandre Cribeiro). De volta a Galicia, en 1972 entrou a traballar no Centro territorial de TVE de Galicia como realizador de programas como “Panorama de Galicia”, pioneiro na emisión de noticias en lingua galega, creado en 1974 polo recordado locutor Luís Mariñas. Toda a súa vida laboral transcorreu no ente TVE-G ata que se tivo que prexubilar por culpa da súa enfermidade. Como realizador lembramos o documental histórico “Galicia na transición”, co historiador Justo Beramendi de guionista. Agora que estamos a piques de entrar no entroido lembramos reportaxes súas como O entroido dos xenerais da Ulla, que debera ser levado polas escolas polo seu didactismo, pois explica de maneira moi clara e sucinta o desenvolvemento deste peculiar entroido. Para a Sociedade Recreativa de Calo (Teo) tamén realizara, en 1993, o documental Teo, ás portas de Compostela. Os dous documentais está colgados no web http://www.concellodeteo.com/multimedia/videos.php?lg=gal.

Pero Castro tamén será recordado polo seu compromiso político e pola súa valiosa contribución á normalización da lingua galega nos últimos anos do franquismo e na primeira transición. En 1975, aínda en vida de Franco, aceptou ser designado polo gobernador civil da Coruña alcalde de Laxe, a súa vila natal. Eran os anos en que se pretendía instalar unha celulosa en Cospindo (Ponteceso), e había que evitalo, cousa que se logrou. Non obstante, Castro será recordado por ser a primeira autoridade en oficializar a forma galega dun topónimo, devolvéndolle así á súa vila o seu nome real. Era o ano 1976 e a lexislación aínda era a franquista. Contra o que el pensara, non atopou ningunha oposición por parte das autoridades, e esta vila mariñeira se converteu no símbolo da normalización toponímica galega (por aquel tempo un taxista rianxeiro fora multado por rotular ‘Rianxo’ no seu taxi). En Laxe casou con Ana María Fernández, que daquela exercía de mestra na vila, e logo virían a vivir para a nova urbanización Os Tilos (Teo), ás portas de Compostela. Xosé Luís volvería á política e, de 1987 a 1991, foi concelleiro de Teo encabezando a lista do PSG-EG. Foi o primeiro edil en solicitar, polo seu simbolismo histórico, un monumento conmemorativo para a Batalla de Cacheiras, que tivera lugar o 23 de abril de 1846, e que rematara cos fusilamentos de Carral. Loitou tamén pola resolución dos problemas dos veciños de Teo en xeral. Se o parque da urbanización Os Tilos ten a amplitude que ten hoxe, en boa parte débese á teimosía do concelleiro Castro, que lle esixiu ó goberno municipal a recuperación de máis de 3.000 metros cadrados que faltaban na zona verde; a intención da alcaldía teense era deixar construír aínda máis edificios na parte alta do parque, co que este quedaría moi reducido. Hoxe Os Tilos pode presumir de ter unha das mellores zonas verdes da contorna compostelá. Vaian as nosas condolencias a Ana, a súa dona, e a Daniel, o seu fillo, e a toda a súa familia.
O AUTOR É PRESIDENTE DO SEMINARIO DE ESTUDOS COMARCAIS DE COSTA DA MORTE

Comentarios desactivados en «Finou Xosé Luís Castro, primeiro alcalde en oficializar a toponimia en galego», artigo de Xosé María Lema Suárez