Archive for Febreiro 14th, 2012

Feb 14 2012

Bretemada, o inédito de Gonzalo López Abente, finalista ao Premio de Edición de libros de poesía da AGE (Asociación Galega de Editores)

Published by under Poesía,Premios

O poeta Rivadulla Corcón fainos sabedores, aos membros da comisión executiva da Fundación Gonzalo López Abente, que a nosa edición de Bretemada, o poemario inédito de Gonzalo López Abente, figura como finalista ao Premio de Edición na sección de libros de poesía, que convoca a Asociación Galega de Editores e que leva o nome egrexio e ilustre do editor Ánxel Casal, asasinado polos fascistas e aparecido nunha gabia de Cacheiras (Teo) o 19 de agosto do 1936. Sen dúbida o excelente labor editorial de Henrique Alvarellos foi chave para que se producise esta escolla. A competencia vai ser moi dura, pois canda Bretemada todos tres finalistas son de moita dignidade. En calquera caso, orgullémonos xa de chegarmos até aquí.
Saliento uns parágrafos da nova que fai pública a AGE na súa páxina:
«O pasado 10 de febreiro rematou o prazo de entrega das votacións dos editores para os Premios da Edición do ano 2011. Os libros, autores e iniciativas pasarán agora á fase do xurado, integrado por Xosé Manuel Eyré, crítico; Isabel Ares, libreira; Montse Dopìco, xornalista; Juan Blanco Valdés; editor; e Mary Luz Corral, bibliotecaria.
O día 9 de marzo no Hotel A quinta da auga, en Santiago, e no transcurso da gala da edición, serán feitos públicos os gañadores das distintas categorías, recibindo o tradicional galardón da AGE, consistente nunha peza de prata».

PREMIO ÁNXEL CASAL AO LIBRO DE POESÍA
Poesía completa de Lois Pereiro, de Lois Pereiro, editado por Xerais
Bretemada 1917-1922, de Gonzálo Abente, editado por de Alvarellos Editora
Un mundo de mulleres, de Carmen Blanco, editado por Biblos.
O mariñeiro con cabalos matutinos baixo o vestido, de Elías Knör, editado por Edicións Barbantesa.

Comentarios desactivados en Bretemada, o inédito de Gonzalo López Abente, finalista ao Premio de Edición de libros de poesía da AGE (Asociación Galega de Editores)