Archive for Febreiro 13th, 2012

Feb 13 2012

Facendo memoria da anada do 1998: un poemario e un estudo literario

Entre os traballos que están a ser recuperados polo portal poesiagalega.org (que hai pouco fixo o seu primeiro ano na rede como repositorio poético na rede, dirixido polo poeta e profesor Arturo Casas, e arroupado polo seu equipo do GAAP) están as panorámicas poéticas que se publicaban no desaparecido, que editaba Galaxia.

A profesora titular de literatura galega e investigadora do Centre Dona i Literatura na Universidade de Barcelona, Helena González Fernández, asinaba a panorámica do ano 1998 co seguinte título: “Poesía: bos poemarios e modelos diversos” (Anuario de Estudios Literarios Galegos: 1998, Vigo: Galaxia, 1999, pp. 261-269).
No repositorio poesiagalega.org redactaron esta entrada:
«Balance panorámico da produción poética do ano 1998 que constata o recambio xeracional producido pola madurez creativa da xeración dos 90. A valoración global recoñece o bo momento da poesía galega, a confrimación dunha serie de tendencias xa imperantes (erotismo, narratividade, identidade, ficcionalidade, individualismo) e celébrase a aparición de libros singulares que propoñen novos camiños estéticos para o futuro. O balance comenta tamén as principais reedicións e escolmas aparecidas nese ano, así coma os textos gañadores dos premios máis importantes e os criterios cos que pareceron operar nas súas escollas as coleccións de poesía»
Helena González fai referencia a dous libros da miña autoría publicados nese ano, o poemario Equinoccio de primavera (Esquío, 1998) e a reedición que preparei de Orballo de media noite (Xerias, 1998) de Roberto Blanco Torres. Velaquí o pdf completo, do que saliento os dous fragmentos:
FORMAS DO CULTURALISMO

A cuestión do culturalismo e do clasicismo é un dos puntos que precisa unha
reformulación máis urxente, porque hai moitas maneiras de afrontar a revisión da tradición literaria e cultural que non se poden explicar acudindo ó concepto de culturalismo herdado. As imitacións e a gravidade deixan paso á parodia e ó xogo. Só Paulino Vázquez no seu A experiencia inglesa (edición do autor) abunda nunha revisión decadente das paisaxes literarias inglesas de fin de século. Pero o culturalismo tamén pode ser revisado á luz do vitalismo como fan este ano Miro Villar, o autor de referencia cando se fala da liña clasicista dos últimos anos, e María do Cebreiro, unha autora nova que se estrea este ano. Os seus dous libros avivecen o devandito debate sobre o clasicismo. E finalmente, o culturalismo, mesturado cun simbolismo mesto, pode ser usado dunha maneira ritual, como fai Anxos Romeo.

Miro Villar, que foi premio Tívoli Europa en 1997, ofrece este ano unha nova proposta de revisión do clásico, Equinoccio de primavera (Esquío). Empregando o soneto nas súas diferentes feituras, deconstrúe os tópicos culturalistas clásicos e algúns dos personaxes masculinos arquetípicos como Ulises, Adán, Teseo e actualiza os temas tradicionais da poesía clásica -o amor, a morte, o paso do tempo …-. A clave da proposta está na subversión do ton sen renunciar á forma, en acomodar no contemporáneo formas e temas clásicos e que non están de moda pero rexorden continuamente. Tamén Sechu Sende no seu primeiro libro, Odiseas (Letras de Cal, ofrece xogos paródicos semellantes nas súas reformulacións da viaxe mítica homérica. (…)

REEDICIÓNS E ESCOLMAS

Non foi o ano 1998 abundante en reedicións, agás no capítulo de literatura medieval pola dinámica editorial que xera o 17 de maio. A penas apareceron unhas poucas. María Pilar García Negro, responsable dalgunhas das edicións incluídas no coleccionable “A Nosa Literatura” (A Nosa Terra), é a editora de Poesía galega (Castro) de Valentín Lamas Carvajal, unha actualización da súa tese de licenciatura. Por outra banda, adiantándose á homenaxe a Roberto Blanco Torres do Día das Letras Galegas, do que aparece a reedición de Orballo de media noite (Xerais), preparada por Miro Villar, o que permitirá ler en moitos casos por primeira vez un libro filosófico e civil que tivo unha grande acollida no momento da súa publicación e que practicamente foi esquecida nos manuais. (…)

Comentarios desactivados en Facendo memoria da anada do 1998: un poemario e un estudo literario

Feb 13 2012

«A Bretemada de Gonzalo López Abente», artigo de Xurxo Martínez González

Published by under Poesía,Recensións

O filólogo Xurxo Martínez González, de quen vimos de ler o seu recente e brillante estudo Luís Soto Fernández. A xeira pola unidade galega (Xerais, 2011), vén de publicar na páxina literaria letraenobras un interesante artigo sobre o libro Bretemada de Gonzalo López Abente, editado por Alvarellos e pola propia Fundación, que este sábado tamén presentou publicamente en Muxía a súa fiestra ao mundo: www.lopezabente.org

Deseguida reproducimos o devandito texto:

«A Bretemada de Gonzalo López Abente»
Un artigo de Xurxo Martínez González

Un poemario inédito co título Bretemada. Eis a herdanza que nos legou o muxián Gonzalo López Abente. Estaba, seguramente, artellado para publicarse en vida pero non foi deica o pasado ano cando mirou a luz do Atlántico, nesa cativa insua que semella a poza dunha fontela de terra.
O meu primeiro contacto coa súa lírica (nunha escolma que non lembro) veu motivado por ser un poeta do mar. Pero non é como Manuel Antonio aínda que ambos fosen vates nacionalistas nados en vilas mariñeiras. As novas correntes estéticas non fascinaron o poeta muxián. Se cadra hai un peso xeracional (nacera en 1878).
Por esta última razón situamos a López Abente como un poeta da tríade das Irmandades da Fala, xunto a Victoriano Taibo e Ramón Cabanillas. Convertéranse no coro do nacionalismo galego que agromaba dispersamente polos recunchos da nación. Participaron activamente nas primeiras expresións artísticas: teatro, recitais, homenaxes…
A súa lírica ten un fondo eco pondalián. Eran familiares lonxanos. Nesta Bretemada sentimos o ton épico e unha longuísima loa á loita pola liberdade de Galiza, patria encarnada no propio título. Mais tamén é un escritor costumista e humanista. Poderíamos dicir, con todo tipo de precaucións, que é bebedor do paisaxismo mais no canto de monte temos mar. Sería un exemplo de paisaxismo marítimo.
Non agocharei unha íntima relación da súa poesía comigo: en Muxía foi compañeiro de traballo e amigo do meu avó materno. O seu nome ten saído nas conversas familiares. Agora voga nunha cabotaxe pola memoria.

Comentarios desactivados en «A Bretemada de Gonzalo López Abente», artigo de Xurxo Martínez González