Archive for Febreiro 10th, 2012

Feb 10 2012

Rebelión na charca, ecos da súa publicación

Published by under Contos,Infantil,Poesía

Algúns medios fixéronse eco da publicación do conto infantil Rebelión na charca (Sotelo Blanco, 2012) que xa está nas librarías e que distribúe o Consorcio Editorial Galego. Tal e como xa contei: En síntese, a historia sucede nunha charca na fin da terra onde ras, sapos e píntegas pasan o día a xogar coma trasnos rebuldeiros. Porén, o sapo corredor ou corriqueiro, o máis fachendoso e presumido, e o sapo cunqueiro, o máis vaidoso, teñen moi mal perder. O conto é unha fábula sobre a prepotencia, a soberbia e os abusos do poder e, por suposto, procura ensinanza e ten final feliz.
No pdf superior reproduzo a nova na edición comarcal en papel do xornal La Voz de Galicia.
Polo de agora, tamén se fixeron eco El Correo Gallego e as seguintes publicacións dixitais:
A páxina da AELG (Asociación de Escritores/as en Lingua Galega).
O repositorio poesiagalega.org.
O dixital quepasanacosta.
Obrigado, moitas grazas a todos eles por contribuíren á difusión deste conto.

Comentarios desactivados en Rebelión na charca, ecos da súa publicación

Feb 10 2012

As crebas, recensión de Ramón Nicolás na súa bitácora Caderno da crítica

Published by under Poesía,Recensións

Desta volta reproducimos a recensión do poemario As crebas que publicou o crítico e profesor Ramón Nicolás (Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega, AELG, á mellor traxectoria en xornalismo cultural, 2011) na súa bitácora cadernodacrítica, da que temos falado noutras ocasións nesta casa. A devandita recensión pódese ler premendo na ligazón que hai detrás do título do seu blogue, mais tamén vai a seguir:

As crebas
Espiral Maior, Rutis-Culleredo, 2011, 52 pp., 12 €

Avalado por ser merecedor do XIII Premio de poesía «Concello de Carral», publicouse xa hai algúns meses As crebas, do poeta ceense Miro Villar, dono xa dun longo percorrido bibliográfico no que se refire, basicamente, á poesía e á crítica literaria, probando fortuna tamén, duns anos para atrás, tanto nos eidos da literatura para primeiros lectores como no das bitácoras da rede cun interesante blogue que recomendo vivamente.
As crebas, ao meu xuízo, constitúe un dos mellores libros de Villar, un dos máis puídos e intensos. Quen se achegue ás súas páxinas advertirá a construción dun ricaz diálogo de filiación poética con Cernuda e Gamoneda, con Manuel Antonio e Eliot, entre moitos outros, empregando o concepto de «crebas» como símbolo da procura teimuda de todo o que o mar volve, de todo aquilo que a vida volve. O poeta, que se transforma en crebeiro, camiña e camiña ao pé do mar, da vida, para artellar unha sorte de crónica, ou de diario se se quer, no que reivindica con convicción o papel da muller na historia, entre outros aspectos, e espella ao mesmo tempo o sentimento de perda, do que se foi ou está a piques de marchar e que resiste na memoria.
E alguén como Miro Villar, tan convencido das posibilidades que algunha das formas clásicas pode ofrecer para a poesía de hoxe, ofrécenos un xogo como é o de «disfrazar» trinta e un sonetos brancos en alexandrinos cunha roupaxe narrativa moi acaída que moderniza e actualiza a fórmula con acerto.
Gustoume esta nova achega de Miro Villar e deséxolle a mellor das singraduras a este poemario na certeza de que o crebeiro seguirá a camiñar.

2 responses so far