Archive for Febreiro 8th, 2012

Feb 08 2012

«Abecedario», artigo de María do Cebreiro

«Abecedario» é título dun interesante artigo que a poeta e crítica María do Cebreiro publica no dixital prazapublica. Na súa erudita reflexión sobre abecedarios e alfabetos non esquece lembrar o meu libro de poemas Abecedario da desolación (Espiral Maior, 2008).
Velaquí o artigo completo, no que salientei a referencia:

As palabras non sempre dan nomeado as cousas, pero a miúdo expresan o noso desexo de entendelas. A traxedia grega falaba de destino para se referir ao intento, sempre fanado, de comprender a propia vida. Pero as grandes palabras xa non están na moda.
Tal vez por iso, algúns novelistas trocaron o concepto de destino polo de alfabeto. Viñeron reemprazar así o carácter inevitable do fado polo carácter máis ben absurdo da existencia. Fíxoo Borges no seu célebre conto “El Aleph”. E fíxoo, con máis graza, Don Álvaro Cunqueiro.
Nos índices onomásticos de Merlín e familia ou n’As crónicas do Sochantre o autor tira do fío dos nomes para non ter que rematar nunca os seus relatos. O Lapidario dos heterodoxos, de Miguel Anxo Murado, deulles continuidade, fóra da orde alfabética, aos índices cunqueiriáns. E Miro Villar, no seu Abecedario da desolación, provocou un encontro inesperado entre Petrarca e os poetas de Oulipo.
O alfabeto é o máis irracional dos inventos racionais. A súa orde sedúcenos porque non se parece máis que a si mesma. Xunta aquilo que é diferente e xoga a confundir a harmonía e o caos. No abecedario as letras semellan recuperar o valor máxico que Pitágoras lles concederá unicamente aos números. Hoxe intuímos que nin a álxebra nin a gramática poden facer máis que comprenderse a si mesmas. Pero mentres dure o seu soño da razón, os matemáticos e os filósofos andarán á procura do sentido do mundo.
No ano 1988, Gilles Deleuze accedeu a ser entrevistado por Pierre-André Boutang. Do A de animal ao Z de zigzag, fixo do seu abecedario oral a última lección do mestre. A cámara rexistra a delicadeza xestual do seu pensamento. Mais o aceno decisivo reside, coma sempre, no fóra de campo. Antes de conceder a entrevista, Deleuze puxo como condición que se emitise só despois de el morrer.
Será o pensamento o único xeito de vida antes da morte? Inesperadamente, Deleuze dálle a razón a Sócrates. Pero outros alfabetos foron construídos sen o mesmo afán de transcendencia. Keywords: A Vocabulary of Culture and Society, de Raymond Williams, achega termos para reflexionar sobre o noso tempo. En Mots de passe o antonte deostado Jean Baudrillard consegue convencernos de que, para a nosa desgraza, a súa teoría do simulacro era real. E Antonio Negri trama en Il Ritorno un método alfabético para escribir a súa biografía (acto que xeralmente consiste en explicar os propios erros).
Quizais pensando en modelos coma estes, Aurelio Castro concibiu, canda Chus Pato, o último dos abecedarios literarios galegos. Do alfa de Animalidade ao omega de RonseltZ, o pensamento literario de Chus Pato (sempre á escoita de Deleuze) atopa un marabilloso acubillo no alfabeto.
Ao que parece, a vida é un lugar escuro e incerto. Os filósofos, os gramáticos e os poetas tentan conxurar, coa orde das letras, a desorde das cousas. Ninguén dixo que fose doado. Ninguén dixo que fose útil. Mais, como escribiu Beckett, debemos aspirar a fracasar mellor.

Comentarios desactivados en «Abecedario», artigo de María do Cebreiro