Archive for Febreiro 6th, 2012

Feb 06 2012

Nunca hei entrar no Talaso Hotel Louxo (A Toxa)

Published by under Historia,Lingua


(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)

Nunca hei entrar no Talaso Hotel Louxo (A Toxa). Abonda con ler esta circular escrita para o persoal por parte da súa dirección. Dá verdadeiro noxo!!!

One response so far

Feb 06 2012

«Andar ás crebas», recensión de Vicente Araguas

Published by under Poesía,Recensións

O crítico literario e tamén poeta Vicente Araguas publicou onte domingo, 5 de febreiro do 2012, unha recensión do meu poemario As crebas (Espiral Maior, 2011) que apareceu nos suplementos culturais dos catro xornais do grupo “La Capital”: El Ideal Gallego, Diario de Arousa, Diario de Bergantiños (o único sen web propia) e Diario de Ferrol. Ao suplemento deste último, Nordesía, corresponde o pdf da páxina 4 que ilustra esta anotación. E velaquí o texto de Vicente Araguas, a quen lle agradezo a súa atenta e suxestiva lectura.
ANDANDO ÁS CREBAS
Andar ás crebas como ben nos explica Fernández Naval, na cita-glosa de Ferrín que abre o último libro de poemas de Miro Villar, é bulir polo litoral á procura de obxectos de valor. Sen que o crebeiro sexa un pirata de terra, por máis que non rexeite restos de naufraxios.
E non sigo coa brillante explicación de Fernández Naval, por longa, e ademais porque o leitor pode dispoñer dela por enteiro se se fai, e fará ben, con As crebas (Edicións Espiral Maior, Rutis-Culleredo, 2011), volume poético non nada voluminoso, Premio de Poesía Concello de Carral, no que o poeta de Cee verque moito da súa experiencia, literaria e se cadra vita (aquí, xa se sabe, o “fingidor” de Pessoa tería algo que dicir).
Literaria pola cousa de que o maior dos Villar desfruta inserindo nos seus poemas material alleo, implícita e explícitamente, sen importarlle que a moeda de troco ás veces sexa tan obvia como “April is the cruellest month”.
Comprensible cando o que fai Miro Villar, neste libro de poemas en prosa como ensarillar anacos de rotundidade, nin sequera narrativa aínda que ás veces semelle preludiala, é pasear pola beira litoral a través de camiños que levan de volta a casa.
E por iso Eliot, e xa que logo, Cernuda, e desta maneira Esenin, morto de morte propia “after” Isadora Duncan. No libro de Miro Villar nun “pas de deux”, e ningún dos dous é quen os recría pero ben poidera selo. Quero dicir que o andar ás crebas de Miro Villar, neste libro tan de procura e (re)figuración do pasado, é un exercicio de estilo brillantísimo. Mais un exercicio que non fica no xeito ou na maneira.
Non, o adestramento villariano pasa por un autoprocurarse con “distanciamento”, ou sexa, tentando que o mar de fondo que se adiviña chegue onda nós peneirado por un ensaio conceptual. Isto é: Miro Villar nin sequera pretende tirar crebas do seu anecdotario vital, que o seu é un andar ás crebas tan categórico como os achádegos que nos transmite. A través de trinta e unha prosas ou glosas da vida mesma, da de Miro Villar ou de outros. E nelas o leitor vai sentir un ritmo levián, un estilo fluído, unha contención nos argumentos e palabras (o que chaman economía expresiva) que reconcilia coa poesía que se fai hoxe, tan orfa de asuntos como pobre na expresión. E non estou falando da riqueza lingüística do Cee, que ben podería.
Pero quedáramos en que unha literatura non se pode xustificar “per se” na numísmática. Ou sexa no valor ou brillo das súas moedas de cambio. As de Miro Villar son moitas mais non necesariamente léxicas. Que tamén. E ao título deste libro importante podo, e aínda debo, remitirme.
VICENTE ARAGUAS

Comentarios desactivados en «Andar ás crebas», recensión de Vicente Araguas