Archive for Febreiro 4th, 2012

Feb 04 2012

«Mariza: a mais popular das vozes portuguesas»

Published by under Música,Poesía

A lectura da reportaxe «Mariza: a mais popular das vozes portuguesas», que publicou o portugués Diário de Notícias fíxome lembrar a notoria presenza nos meus versos de moitas referencias aos fados e aquí xa teño falado de Amália Rodrigues. Pois ben, tamén a voz de Mariza está referenciada no poema «O ciclo da auga» que se inclúe no poemario As crebas (Espiral Maior: 2011). Deseguida reproduzo o inicio da reportaxe xornalística, que recomendo ler completa, e logo vai ese meu poema:
«Mariza é hoje a voz da música portuguesa com maior visibilidade no mundo. Os seus discos estão todos editados além-fronteiras. As digressões que faz são hoje extensas e cruzam todos os continentes. Pelo mundo já ganhou prémios e nomeações. Na BBC foi já eleita como figura do ano na área da world music. Nos EUA foi, até hoje, a única voz portuguesa a conhecer uma nomeação para os Grammys latinos. A sua carreira internacional inclui já um dueto com Sting, uma parceria com Frank Ghery num espectáculo em Los Angeles, uma actuação num dos palcos do mega-concerto Live 8 ou a sua presença, com destaque, no filme Fados, de Carlos Saura».

O ciclo da auga

Transpiras a suor pegañenta do medo como animal ferido que foxe entre a floresta.

Evapóraste fráxil na atmosfera celeste á busca do fulgor no rostro amable do astro.

Condensas os teus líquidos en nubes de tormenta a viaxaren no vento desde o mar deica a costa.

Precipítaste en chuvia de saudade nos vidros, a mesma que escoitaches no fado de Mariza.

Alimentas nacentes que corren subterráneas e afloran na epiderme da sensibilidade.

Formas unha corrente a acaudalar o río que no seu fértil curso te devolve ao mar.

E no océano esperas os cálidos afectos sabendo que non morre, nunca, o ciclo da auga.

Comentarios desactivados en «Mariza: a mais popular das vozes portuguesas»

Feb 04 2012

Katmandú, un espejo en el cielo, de Icíar Bollaín

Onte foi día de ollarmos a última película de Icíar Bollaín, cuxo cinema seguimos con interese e ás veces con devoción. Katmandú, un espejo en el cielo é o título da súa nova entrega, con guión propio e a colaboración da súa parella Paul Laverty (habitual guionista de Ken Loach) e velaquí a sinopse: Na década dos noventa Laia, unha mestra catalá, vai traballar de maneira altruísta nunha pequena escola local de Katmandú (Nepal). Para garantir sobrevivir aló vai precisar dun matrimonio de conveniencia no que descubrirá o amor. Supera moitos atrancos para poñer en pé un proxecto educativo nos barrios máis pobres da cidade, na casta dos intocables. Contará coa axuda de Shamila nunha viaxe persoal para se atopar a si mesma.
Malia moitas virtudes da película, recoñezo que saín con bastante friaxe (e non porque onte a noite compostelá andaba polos dous graos). Con todo, non podo ser tan duro como a crítica que hoxe lin do meu admirado Carlos Boyero en El País.
Na miña opinión, desde aquí, desde tan lonxe, desde o occidente, resulta doado xustificar que as extremas desigualdades sociais teñen a ver coas tradicións e coa ausencia de estado, que na película só aparece representado polo funcionarado corrupto desa etapa.
Polo pouco que sei Nepal viviu un longo conflito civil e nos últimos meses accedeu ao goberno o maoísta Partido Comunista, que é supoñer algo teimará en reverter estas situacións estruturais.
Alén diso, gostaríame saber a opinión da escritora María Reimóndez e da súa oenegé Implicadas no Desenvolvemento, que teñen realizado labores semellantes na India, sobre a visión que a película ofrece derredor do traballo dunha ONG. Fico coa incerteza.

Comentarios desactivados en Katmandú, un espejo en el cielo, de Icíar Bollaín