Feb 02 2012

Adeus a Wislawa Szymborska

Published by at 21:45 under Antoloxías,Entrevistas,Poesía,Premios

Adeus a Wislawa Szymborska (2 xullo 1923, Bnin (agora Kórnik) / 1 Febreiro 2012, Cracovia), premio Nobel de Literatura en 1996. Escollo para a súa necrolóxica o xornal español El País, que non hai moito publicara unha excelente entrevista, o británico The Guardian e o portugués Público.

Hai anos adoitaba iniciar calquera lectura pública dos meus versos lendo un poema da escritora polaca intitulado «Velada poética», que coñecín en español no libro Paisaje con grano de arena (Barcelona: Lumen, 2006)  e que lle mercara á libraría Trazos na Feira do Libro de Cee dese verán, con esa característica dos libros de Lumen de teren as follas aínda sen despegar. Por certo, na actualidade pódese ler ao completo neste pdf. Desde o castelán fixen unha versión galega daquel poema:
VELADA POÉTICA
Ser, ¡ouh, Musa!, boxeador ou non ser nada.
Por nós nunca roxe o público exaltado.
Hai unha ducia de persoas na sala.
Instan a iniciarmos a velada.
A metade está aquí porque fóra chove,
o resto, ¡ouh, Musa!, son parentes.
As mulleres ao desmaio dispostas
irán ver como dous pesos galo se arrincan as cristas.
Só o boxeo ofrece escenas dantescas.
E a ascensión, ¡ouh, Musa!, aos ceos.
Non ser púxil, ser poeta,
vivir condeado a cunqueiros forzados,
a falta de músculos exhibir ao mundo
—¡no mellor dos casos!— futuras lecturas escolares,
¡ouh, Musa!, ¡ouh, Pegaso,
anxo acabalado!
En primeira fila un velliño en trance
soña que a súa muller, que en paz descanse,
resucita e faille un pastel de chocolate.
Con lume, mais lento, ¡que non se queime o pastel!,
comezamos nós, ¡ouh, Musa!, a ler.

Por fortuna para nós, a editorial Positivas publicou en galego hai uns meses os seus Versos escollidos, aínda que entre esta escolma non figuran moitos dos meus preferidos. Porén, isto non é impedimento para recomendarmos a súa lectura na nosa lingua en tradución de Lucía Caeiro, quen xa adiantara o poema «Un gato no piso baleiro» na revista A Xanela, 25 (Betanzos, primavera do 2008, páxina 12).
Alén diso tamén está traducida ao portugués continental e ao portugués do Brasil e nalgunhas bitácoras na rede podemos atopar algúns poemas soltos. Velaquí:

«A alegría da escrita».

«Possibilidades».

«Os filhos da época» e «Sob uma estrela pequenina».

«As três palavras mais estranhas» e «Recordações».

E para rematar o poema intitulado «Torturas», escrito por Wislawa Szymborska, lido por homes e mulleres de Euskalherria que padeceron a tortura.

Comentarios desactivados en Adeus a Wislawa Szymborska

Comments are closed at this time.