Archive for Decembro, 2011

Dec 31 2011

Moita saúde e moita felicidade no ano bisesto ou bissexto 2012

Published by under Música,Poesía

«Mar azul» canción de Cesária Évora. Na primeira versión interpretada pola cantora caboverdiana e na segunda nun dueto con Marisa Monte, emitido en 2001 na RTP.

«Oh… Mar, anô passá tempo corrê», di un dos versos desta canción da amada e chorada voz de Cesária Évora. Así é, o tempo corre e xa se foi este ano once. Malia ser vate, non son quen de facer vaticinios sobre o vindeiro ano, que os gurús da economía agoiran cheos de dificultades. Porén, nós necesitamos a esperanza e a ilusión. Velaí pois os meus desexos de que chegue onda vós unha enorme vaga de mar que vos deixe moita saúde e moita felicidade no ano bisesto ou bissexto 2012. Inxalá que todas as crebas que apañedes nas costas dos vosos corazóns sexan de proveito. Bicos e apertas atlánticas.
Mar Azul

O Mar,
Deta quitinho, bô dixam bai
Bô dixam bai spia nha terra
Bô dixam bai salva nha Mãe…

O Mar,
Mar azul, subi mansinho
Lua cheia lumiam caminho
Pam ba nha terra di meu
São Vicente pequinino,
Pam ba braça nha cretcheu.
Oh… Mar, anô passá tempo corrê
Sol raiá, lua sai
A mi ausente na terra longe…
O Mar…

Comentarios desactivados en Moita saúde e moita felicidade no ano bisesto ou bissexto 2012

Dec 31 2011

O orgullo dos percebes arrincados da pedra

Published by under Arte,Fotografía,Poesía


(«Salvador». Fotografía de Manuel Álvarez. Premer na imaxe para agrandar o tamaño)

Nesta bitácora arrecende sempre a salitre. Se callar algúns de vós na cea de fin de ano degustaredes percebes arrincados da pedra (non serei eu, que lle teño máis querencia ás navallas ou aos longueiróns, “linqueiróns” no dialecto fisterrán). E se callar eses percebes foron colleitados polo poeta e mariñeiro Paco Souto, que logo de varios oficios, está vivir en Malpica de Bergantiños e a traballar moito en tarefas do mar, coma a dura e fascinante do percebeiro. Seu é ese fermosísimo poema intitulado “A percebeira é unha illa”, do que xa falamos moito e ben aquí mesmiño.

Tamén eu cantei o labor dos percebeiros. Foi nese proxecto común, no que escribín poemas ad hoc para as fotografías de Manuel Álvarez, un guardés que traballa na sé central da ACNUR en Xenebra. Desa colaboración e dese diálogo que mantivemos durante moitos meses, á volta de correspondecia de imaxes e de versos, naceu o libro Gameleiros. Entre os retratos de Manuel Álvarez figura o percebeiro «Salvador», que me inspirou este poema.

SALVADOR”

O orgullo dos percebes arrincados da pedra,

mineral de arxentita que nos cega co brillo,

empequenece o risco da máis difícil veta.

Corpo neopreno e brazos cordas leron perigos

no andante movemento rápido da rasqueta.

Comentarios desactivados en O orgullo dos percebes arrincados da pedra

Dec 30 2011

«Alento e desalento / o meu País»

«É unha folla no vento, alento e desalento / o meu País», así din os versos de Xoán-Manuel Casado popularizados naquela magnífica canción «O meu País» do meu tocaio Miro Casabella, que reproduzo na voz do propio Miro e nunha das versións que realizou o grupo Luar na Lubre, non a que incluíron no seu álbum Hai un paraíso (2004), senón outra posterior interpretada ao vivo en Santiago de Compostela.
Así é, «alento e desalento / o meu País». Nos últimos tempos se callar máis desalentos do que alentos, mais ese semella ser o noso sino. Sen ir máis lonxe, hoxe mesmo temos noticias de alento e de desalento.
ALENTO
A iniciativa sermosgaliza da que xa falamos nesta bitácora vén de anunciar que rematou con éxito o seu proxecto de capitalización inicial para botar a andar un novo medio de comunicación na nosa lingua. Os nosos parabéns e o noso compromiso de suscrición, como o fomos do semanario A Nosa Terra até a súa desaparición, durante case dúas décadas, malia ás veces non compartirmos algún dos seus vicios sectarios.
E DESALENTO
A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) dan a coñecer na súa páxina a desaparición de 15 Servizos de Normalización. A mala nova principia así:
«A eliminación das axudas por parte da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a irresponsábel tardanza da nova e minguada convocatoria por parte da Deputación da Coruña e da Xunta favorecen o despedimento de 15 técnicos/as de normalización lingüística e o peche doutros tantos servizos.
Cumpriuse a peor das previsións, e o ano remata co peche de 15 servizos de normalización lingüística (SNL) de concellos galegos.
Lonxe de cumprir a súa obriga de impulsar os SNL, a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta, dirixida por Anxo Lorenzo, favorece o peche en 2011 de 15 destes departamentos. A eliminación das axudas e o reiterado incumprimento e mentiras desde o mes de setembro, cando anunciaron que se publicaría unha nova convocatoria “nas próximas semanas” (e pasaron case catro meses), provoca o peche destes servizos para o fomento do galego.
Hoxe mesmo, venres 30 de decembro –segundo datos facilitados polo Centro de Documentación Sociolingüística (CDSG) do Consello da Cultura Galega– pechan os dos concellos de Aranga, Arzúa, Barreiros, Cabana de Bergantiños, Cariño, Cerceda, Malpica de Bergantiños, Mesía, Monfero, Santiso, Vilasantar e Zas, e anteriormente xa pecharon os de Dodro, O Barco de Valdeorras e Quiroga».

A mala nova completa pódese ler nesta ligazón.

E de remate o fermoso poema de Xoán-Manuel Casado, aínda de actualidade malia ser creado hai ben anos. Nunca se publicara, até que foi compilado nos «Poemas publicados e non incorporados a ningún libro» en Crónica persoal. Poesía completa 1973-2002 (edición de Xesús González Gómez), col. Arte de Trobar, Pen Clube de Galicia, 2006. O editor literario sinala en nota a rodapé:
«Poema musicado por Miro Casabella e insertado primeiro nun single aparecido en 1972 e logo no LP Ti, Galiza, Ariola, 1977».
O meu país

O meu País/ é verde e neboento
É saudoso e antergo,/ é unha terra e un chan.
O meu País/ labrego e mariñeiro
É un recuncho sin tempo/ que durme nugallán.

Que quece na lareira,/ aló na carballeira
Bota a rir.
É unha folla no vento/ alento e desalento,
O meu País.

O meu País/ tecendo a sua historia,
Muiñeira e corredoira / agocha a sua verdá
O meu País/ sauda ao mar aberto
Escoita o barlovento/ e ponse a camiñar

Cara metas sin nome/ van ringleiras de homes
E sin fin.
Tristes eidos de algures,/ vieiros para ningures,
O meu Pais.

O meu País/ nas noites de invernía
Dibuxa a súa agonía/ nun vello e nun rapaz.
O meu País/ de lenda e maruxias
Agarda novos días/ marchando de vagar.

Polas corgas i herdanzas
Nasce e morre unha espranza/ no porvir.
É unha folla no vento/ alento e desalento
O meu País.

One response so far

Dec 29 2011

Os insondables misterios do mundo editorial galego (III)

Published by under Contos,Infantil,Poesía


(Premer na imaxe para agrandar o tamaño da portada do libro)

Remata o ano e continúo a serie «Os insondables misterios do mundo editorial galego» coa súa terceira entrega. No verán do 2007 escribín un conto infantil rimado que intitulei Rebelión na Charca e no mes de setembro envieillo a Sotelo Blanco Edicións. Uns meses despois recibín a resposta afirmativa para a súa publicación, ao tempo que me comunicaban que o conto ía ser ilustrado por Ana Santiso. Foron pasando os meses (e até incluso os anos) e o 15 de marzo deste 2011 que se vai recibín o meu conto infantil xa ilustrado e maquetado, como número 13 da colección Bolboreta. De feito, na bitácora da ilustradora xa estaban reproducidas algunhas imaxes desde o 1 de decembro do 2010. Pois ben, ese número 13 resultou de malfado. Supoño que a grave crise que está vivindo a nosa cultura e o sector editorial en particular terá a culpa de que catro anos despois de ser escrito Rebelión na Charca aínda non fose publicado. Aquí vai o seu inicio, mentres a súa publicación vai na caixa dos desexos para o vindeiro ano.
REBELIÓN NA CHARCA

Era unha vez un grupo de ras, sapos
e píntegas que estaban nunha charca,
día a día xogando cos seus papos,
desde o outono, cando a auga encharca
ata o verán, que secan ben os trapos.

Os anfibios, tal trasnos rebuldeiros,
xogaban e xogaban con moita orde
e con respecto polos compañeiros.
Nunca houbera a mínima desorde,
só querían xogar, non ser primeiros.

2 responses so far

Dec 29 2011

Poemas (XXIII): «Hermenéutica das crebas», de Manuel Forcadela

Published by under Arte,Fotografía,Poesía

Alén dos seus libros, o poeta Manuel Forcadela mantén na rede unha bitácora literaria chamada O ximnasio de Academo, na que vai publicando toda unha colección de artefactos fotográficos e poéticos, pois mesturan as imaxes e os versos. De cando en vez visito, con pracer lector, a súa bitácora e nunha das últimas estadías dei con este magnífico poema intitulado «Hermenéutica das crebas» (publicado o 15/XII/2011), que como é obvio non me resisto a reproducir aquí:

O mar fabrica ás veces estraños lenzos grises,
materias impregnadas de azul e de salitre,
cristais con mil azougues por dentro esparexidos
igual que se vertesen as bágoas dun acuario.
O mar como unha longa paisaxe expresionista,
o mar que alguén tirou dun bote de pintura.
Mestura vinte litros de azul e dez de gris.
Remexe ben, proxéctaos no fondo da parede
e para a contemplar os barcos que alí xorden.
De onde saen os barcos?
De ti ou da parede?
O mar difunde un día os restos dun naufraxio
e ves boiar as caixas, materias transportadas,
obxectos infrecuentes, sinais de que o mar vive
e sofre tamén cólicos e sente unha saudade
e leva dentro hortensias e barcos pequeniños
e plásticos e cadros.
O mar como unha alfombra moi sucia, pegañenta.
O mar como concepto.

Comentarios desactivados en Poemas (XXIII): «Hermenéutica das crebas», de Manuel Forcadela

Dec 29 2011

A Xanela. Revista cultural das Mariñas reseña A cobiza do verme Noel e Bretemada

Published by under Poesía,Recensións


(A Xanela, portada no número 30)

A Xanela. Revista cultural das Mariñas chega xa ao seu número 32, de outono do 2011. Parabéns por manteren esta vitalidade en tempos tan duros para a nosa cultura e a nosa lingua. Nesta publicación da A. C. Eiravella de Betanzos, que coordina o noso benquerido amigo o historiador Xesús Torres Regueiro, adoitan dar conta dos nosos traballos literarios (algo que agradecemos máis e unha vez). Desta volta, no apartado intitulado «Publicacións. As novas que nos chegan», Suso Torres, baixo o pseudónimo de Baraxeiro, saúda dous dos libros que publiquei este ano. Velaquí as súas palabras:

«A COBIZA DO VERME NOEL, de Miro Villar, é unha nova aportación deste autor á literatura infantil. Villar, poeta ao cabo, artella unha historia en versos hendecasílabos que nos fala da cobiza e do poder, nunha fábula cos vermes no canto dos humanos. Marta Álvarez Miguéns responsabilízase con acerto das ilustracións deste conto editado por Galaxia».

«BRETEMADA. 1917-1922 (LIBRO INÉDITO) do poeta muxián Gonzalo López Abente vén a aportar unha nova visión á obra deste autor da época das Irmandades da Fala. A introdución, estudo e notas son do citado Miro Villar, noutro rexistro do seu traballo literario. Leva un limiar de Méndez Ferrín e está publicado por Alvarellos nunha coidadísima edición como é adoito na súa colección Rescate e conta coa colaboración da recén creada Fundación que leva o nome do poeta de Muxía. Bretemada, metonimia de Galicia, é un longo poema estruturado en seis partes, ademais dun Adicamento e un Introito, que nos seus títulos xa nos vai indicando o percurso polo que vai pasando a nosa terra na idealización do poeta até a súa liberación: Nemorosa, Pastora, Guerreira, Principesa, Escrava e Ceiba. Estamos, pois, diante dun poemario de alento nacionalista».

Coma sempre a revista complétase con páxinas de arte, historia, patrimonio, folclore, música e moita literatura, nomeadamente poesía. A maioría dos números anteriores poden ser lidos en formato PDF nesta ligazón. Obrigado e moita saúde para A Xanela, na que outras veces teñen reseñado as novidades da miña autoría e na que tamén teño colaborado con anterioridade.
Nº 3. PRIMAVERA 1997. O soneto “Cando se nos desgasten as palabras…”, que se publicou no libro Equinoccio de primavera (Esquío, 1998) co título de “Tempus fugit (II)”.

Nº 7. PRIMAVERA 1999. Un artigo sobre Orballo de media noite de Roberto Blanco Torres, a quen viña de se lle dedicar o Día das Letras Galegas.

Nº 23. PRIMAVERA 2007. Unha recensión crítica intitulada “Facer claridade nos recordos mudos de Vizoño” que fora lida na presentación do libro Vizoño de Maxi Rei, editado pola A. C. Eiravella.

Velaquí o soneto que publiquei na primavera de 1997.

TEMPUS FUGIT (II)

Inventaremos nuestro propio idioma,
mi amor,
y se nos crecerán los ojos.
GIOCONDA BELLI

Cando se nos desgasten as palabras e o brillo
adquira opacidade, polo correr do vento
e o transcorrer do tempo, no noso pensamento
aínda gardaremos o olor a pan de millo

das palabras espigas, debulladas no trillo
da memoria. Daquela, viranos o momento
preciso, de facermos na boca un movemento
dúctil e convertermos as linguas nun sarillo

que constrúa meadas de palabras nobelos,
de mans entrecruzadas, de amor entre cabelos.
Veremos novos brillos e un novidoso aroma

de palabras magnolias, máis doces que a macela.
Cando se nos desgasten as palabras, daquela
Amor, inventaremos o noso propio idioma.

Comentarios desactivados en A Xanela. Revista cultural das Mariñas reseña A cobiza do verme Noel e Bretemada

Dec 28 2011

Balea2, de Estevo Creus, no programa “ZigZag Diario” da tvG2

O programa “ZigZag Diario” da tvG2, que presenta María Solar (tamén ela autora infantil), sempre adoita adicar aos libros a súa edición dos luns. No espazo de antonte, 26 de decembro, a Costa da Morte deu que falar pois presentouse o novo poemario de Estevo Creus, Balea2 (Positivas), do que xa falamos nesta bitácora. A emisión xa se pode ollar na televisión á carta e o fragmento que se ocupa do libro de Estevo Creus vai desde o minuto 11:40 até o 14:20. Na mesma páxina sinalan a respecto de Balea2: «onde mestura as olladas de nenos e anciáns. Resultado dunha colaboración co poeta e contacontos Celso Fernández Sanmartín, trátase dun libro para todos os públicos, con poemas de adultos para nenos e de nenos para adultos».
Unha boa oportunidade para escoitarmos a lectura duns versos na voz de Estevo Creus.

Comentarios desactivados en Balea2, de Estevo Creus, no programa “ZigZag Diario” da tvG2

Dec 27 2011

A censura do crocodilo Lacoste contra unha artista da Palestina

A marca francesa Lacoste vén de retirar o seu patrocinio ao premio anual entregado polo Museo Elysée de Lausana (Suíza). A empresa foi denunciada polo feito de exercer presións para censurar a obra da artista palestiniana Larissa Sansour.
A artista foi seleccionada entre os oito finalistas, porén a principios de decembro o seu nome desapareceu da listaxe e cando a revista Art Review publicou os traballos a súa composición fotográfica intitulada “Estado Nación” xa non apareceu. A dirección do museo suízo informouna que Lacoste consideraba o seu traballo “demasiado pro palestino” e que demandara a súa retirada.
Larissa Sansour nun comunicado sinalou que “como nominada, recibiu unha bolsa de 4000 euros e carta branca para producir unha escolla de imaxes para a valoración final. En novembro de 2011, tres fotos do proxecto Estado Nación foron aceptadas”. Nesa altura “o seu nome foi incluído no premio e engadido na web como nominada oficial. Agora o seu nome foi retirado e o seu proxecto non se publicará na revista Art Review, na que si aparecen todos os demais nominados”.
A empresa Lacoste negou causas políticas na exclusión da obra e asegurou que Sansour non se axustaba ao tema do concurso, “A alegría de vivir”. Porén, o caso é que se a artista palestina non se axustou ao tema, cómo foi que resultou aceptada e elexida para estar entre as 8 obras finalistas?
Lacoste anunciou a retirada definitiva do seu patrocinio ao premio e o museo Elysée declarou anulado o evento debido á “vontade do socio privado de excluír a Larissa Sansour”. O director do museo, Sam Stourdzé, admitiu no comunicado oficial que as regras do premio foron violadas por unha das partes, en alusión á marca Lacoste.
Un motivo máis para non vestirmos cocrodilos na nosa roupa, non é? Moito mellor agasallarmos literatura nestes días.

Comentarios desactivados en A censura do crocodilo Lacoste contra unha artista da Palestina

Dec 27 2011

Poemas (XXII): «I Go Inside the Tree», do libro Of Mutability, de Jo Shapcott

Published by under Poesía,Premios

A poeta inglesa Jo Shapcott (London, 1953) vén de ser merecedora da Queen’s gold medal for poetry (Medalla de Ouro da Raíña para a Poesía), un galardón que tivo entre os seus ilustres predecesores a poetas coma WH Auden ou John Betjeman. O premio recibiuno polo seu libro Of Mutability (Faber and Faber, 2010), colección de poemas (así lles chaman os ingleses e encántame esta acepción) que xa recibira antes os premios Forward Poetry Prize (Best Poetry Collection of the Year); Costa Poetry Award e Costa Book of the Year.
No video do xornal The Guardian a poeta le ‘I Go Inside the Tree’, un dos seis poemas do libro Of Mutability que está inspirado polas árbores. E que é un texto que me parece fascinante (malia o meu cativo inglés), onde por certo tamén está presente a rima tan deostada na nosa poesía actual, algo que un sonetista coma min non comparte evidentemente. Alén diso, o poema lémbranos o fermoso libro da nosa Marilar Aleixandre, Abecedario de árbores (“Poeta en Compostela”. Concello de Santiago de Compostela / El Correo Gallego, 2006), do que se pode ler un fragmento na páxina da AELG.
E velaquí a letra do poema de Jo Shapcott.
I GO INSIDE THE TREE

Indoors for this ash
is through the bark:
notice its colour – asphalt
or slate in the rain

then go inside, tasting
weather in the tree rings,
scoffing years of drought and storm,
moving as fast as a woodworm

who finds a kick of speed
for burrowing into the core,
for mouthing pith and sap,
until the o my god at the heart.

Comentarios desactivados en Poemas (XXII): «I Go Inside the Tree», do libro Of Mutability, de Jo Shapcott

Dec 26 2011

Catro libros neste feraz 2011




E enlazando coa anterior entrada aproveito para facer promoción persoal das catro obras da miña autoría que viron a luz neste ano a piques de rematar, tan feraz desde o punto de vista editorial para a miña escrita, aínda que algún destes traballos ten xa unha longa traxectoria de anos de espera.
Literatura Infantil:
O conto para primeiros/as lectores/as A cobiza do verme Noel, que ilustrou Marta Álvarez Miguéns.
Poesía:
O poemario As crebas, con portada de Manuel Sendón.
Estudos Literarios:
A edición que preparei da antoloxía Ser auga, darse en auga. Medio século: 1958-2008 de Bernardino Graña.
A edición do inédito Bretemada, de Gonzalo López Abente, con Limiar de Xosé Luís Méndez Ferrín, actual presidente da RAG.
No caso de escollerdes para presente algún destes libros tedes a miña sinatura autógrafa ao voso dispór. Obrigado sempre.

Comentarios desactivados en Catro libros neste feraz 2011

Next »