Nov 29 2011

Poemas (XX): «e entón é entón», do libro balea2, de Estevo Creus

Published by at 20:36 under Poesía,Presentacións

Sempre é unha grata nova dar conta da aparición dun novo libro de poemas dun autor ou autora da Costa da Morte. Máis aínda se, como sucede desta volta, ese autor ten partillado onda nós moitas aventuras literarias no Batallón Literario da Costa da Morte. De feito, xa contei aquí nesta bitácora como coñecín os primeiros versos en galego de Estevo Creus nun colectivo denominado Un medio, que artellamos en Cee por volta de 1986. Pois ben, 25 anos despois (que se di axiña) éncheme de ledicia ler o novo libro de poemas de Estevo, intitulado balea2, que na súa colección Di-Versos publica Edicións Positivas, ese fermoso e singular proxecto editorial do entusiasta e inesgotable Paco Macías. Na contracapa do libro aparece un fragmento do limiar:

«Este libro existe gracias a meu ben querido amigo e poeta Celso Fernández Sanmartín, que xuntando a nenos de a cinco e a vellos de a 100 nunha residencia de anciáns, tiveron a ben escribirme e mandarme debuxos de baleas.

Con eses debuxos e esas experiencias tentei escribir un libro que fora para todos: poemas de adultos para nenos e poemas de nenos para adultos coa intención de que a lectura fora conxunta, as explicacións e entendementos recíprocos, e de que as risas, se as houber, foran compartidas.

Do que si estou certo, é de que todos estes textos nunca estarán á altura do
acontecido eses días, e de que, estea eu onde estea, e pasen os anos que pasen, eu sempre vivirei alí, con eles:habitando entre cetáceos.»

[Contracapa do libro]

E velaquí un dos seus poemas:

e entón

é entón

e entón

cando ti saibas

e eu saiba

que todo empezou

moito antes de nacer

co primeiro cometa atolondrado

ou co primeiro choque de galaxias

ou coa primeira balea

de todas as primeiras baleas

dos centos dos primeiros algo

que existiron primeiro

que as baleas

 

entón

cando ti saibas

e eu saiba

e o mundo saiba entón

que a vida é o primeiro entón

 

a vida é o primeiro

estevo creus

2 responses so far

2 ResponsesPoemas (XX): «e entón é entón», do libro balea2, de Estevo Creus to “”

  1. Estevo Creus e a segunda baleaon 07 Dec 2011 at 08:28

    [...] As crebas de Miro Villar. [...]

  2. [...] que falar pois presentouse o novo poemario de Estevo Creus, Balea2 (Positivas), do que xa falamos nesta bitácora. A emisión xa se pode ollar na televisión á carta e o fragmento que se ocupa do libro de Estevo [...]

Trackback URI | Comments RSS

Deixa unha resposta

Olark Livehelp