Nov 22 2011

A poesía galega de Antón Zapata García. Edición e estudo. (A miña Tese de Doutoramento con acceso libre)

Published by at 23:21 under Estudos literarios,Poesía


(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)

Máis unha vez teño que agradecer que un traballo literario (e desta volta tamén académico) da miña autoría se poida ler nesta páxina de poesiagalega.org, que xa dixemos vén sendo o rótulo identificador dunha base de datos e dun repositorio sobre a poesía no campo cultural galego nos últimos dous séculos, proxecto que dirixe o poeta e profesor Arturo Casas e no que traballa arreo o seu equipo do GAAP (Grupo Alea de Análise Poética). Nesta oportunidade reproducen a totalidade da miña tese de doutoramento de 1600 páxinas, dirixida polo profesor Xesús Alonso Montero, cuxo título foi A poesía galega de Antón Zapata García. Edición e estudo. Este traballo académico xa estaba a dispór de quen tivese interese na propia USC, aínda que nun espazo escasamente divulgado que se pode consultar nesta ligazón. E tamén en googlebooks, porén neste caso con moitas páxinas en branco como adoita suceder neste buscador.
No repositorio poesiagalega.org fanlle esta entrada ao meu traballo académico:
«Tese de doutoramento que estuda a poesía en galego de Antón Zapata García. O traballo, dirixido por Xesús Alonso Montero, atende tres vertentes básicas: a biografía e o contexto sociocultural da vida do autor (1886-1953), tendo en conta o referente da emigración galega a Arxentina; a análise da súa obra poética en galego, con atención a aspectos historiográficos, métricos e estilísticos e á xénese e recepción de A Roseira da Soidade (único libro publicado como tal, en 1954); a edición crítica da obra poética completa en galego, que inclúe, para alén do libro mencionado, composicións publicadas en distintos medios. A tese complétase cunha serie de anexos en que son recollidos a obra en castelán de Zapata, a súa produción en prosa (tanto en galego como en castelán), o epistolario relacionado co escritor, debuxos da súa autoría e textos fundamentais sobre a súa figura e obra. Ademais, no apartado “Apéndices” foron compilados distintos documentos e fotografías relacionados coa biografía de Zapata.
Segundo o autor do estudo, os aspectos básicos da poética de Zapata atinxen o cultivo dunha poesía axustada aos metros clásicos e o protagonismo específico da poesía social en chaves progresistas, mais con distintas aperturas para vertentes intimistas, paisaxísticas e costumistas».

Comentarios desactivados en A poesía galega de Antón Zapata García. Edición e estudo. (A miña Tese de Doutoramento con acceso libre)

Comments are closed at this time.