Nov 01 2011

A percebeira é unha illa, de Paco Souto

Published by at 14:01 under Música,Poesía

Teño a inmensa fortuna de ter dous amigos poetas que viven o mar desde adentro e non desde fóra coma todos nós. O poeta fisterrán Alexandre Nerium foi ao mar moitos anos co seu pai, traballou tamén moitos anos como mergullador do longueirón (“linqueirón” na fala fisterrá”) e agora é un excelente guía no Museo da Pesca.
O outro é Paco Souto, que logo de varios oficios, está vivir en Malpica de Bergantiños e a traballar moito en tarefas do mar, coma a dura e impresionante do percebeiro. Seu é ese fermosísimo poema intitulado “A percebeira é unha illa”, que se pode escoitar na súa propia voz (nesa dición sempre magnífica da que tanto aprendemos) na canle youtube e que eu coñecín através do dixital quepasanacosta. Con outra xente, Paco Souto está detrás tamén da bitácora cultural percebedemalpica e da canle do mesmo nome en youtube. Nestas dúas páxinas tedes gravacións que nos achegan olladas para dignificaren o traballo dos percebeiros.
Velaquí a letra do poema de Paco Souto, pertencente ao seu libro Fado (1998), editado por Letras de Cal e que no portal poesiagalega.org podedes ler completo.

A percebeira é unha illa
A illa ten nome de peixe esquivo
E os homes van

A lanchiña que os leva é de pau de laranxo
A lúa é unha laranxa apodrecida
A lúa debuxa cadaleitos nas furnas
De entre os mortos nascen percebes

Os ollos vagos non ven
Son as mans acoiteladas as que cachean os tetos
A rapa áxil

E logo a lonxa
E a viaxe à Coruña ou Madrid
E o prato na mesa
E o sal na boca

Ese sabor a sal na boca
Como se a morte viñese cada nove ondas

3 responses so far

3 ResponsesA percebeira é unha illa, de Paco Souto to “”

  1. […] demasiado concorrida, mais resultou abondo acolledora. De mestre de cerimonias fixo o poeta amigo Paco Souto, secretario da entidade, quen fixo un breve percorrido pola miña biografía literaria antes de […]

  2. […] e contará co acompañamento musical de Mon Búa, e lerán ou recitarán os seus versos os poetas Paco Souto, Miguel Mato, Paco de Tano, Serxio Iglesias, Xosé Henrique Rivadulla Corcón, David Creus, Suso […]

  3. […] Nesta bitácora arrecende sempre a salitre. Se callar algúns de vós na cea de fin de ano degustaredes percebes arrincados da pedra (non serei eu, que lle teño máis querencia ás navallas ou aos longueiróns, “linqueiróns” no dialecto fisterrán). E se callar eses percebes foron colleitados polo poeta e mariñeiro Paco Souto, que logo de varios oficios, está vivir en Malpica de Bergantiños e a traballar moito en tarefas do mar, coma a dura e fascinante do percebeiro. Seu é ese fermosísimo poema intitulado “A percebeira é unha illa”, do que xa falamos moito e ben aquí mesmiño. […]