Archive for Novembro, 2011

Nov 30 2011

Bretemada, recensión de Ramón Nicolás no Caderno da crítica

Published by under Poesía,Recensións

(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)

O profesor e crítico literario Ramón Nicolás (Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega, AELG, á mellor traxectoria en xornalismo cultural, 2011) vén de publicar hoxe na súa bitácora, denominada Caderno da crítica, unha recensión do poemario Bretemada, de Gonzalo López Abente. Deseguida reproducimos os devanditos apuntamentos críticos.

Bretemada, de Gonzalo López Abente

No Diccionario enciclopédico gallego-castellano de D. Eladio Rodríguez «bretemada» aparece definida como «niebla espesa y rastrera que ensombrece las cosas máis próximas». Desde agora este será un termo máis familiar e próximo pois con el bautizou Gonzalo López Abente un monllo de poemas, escritos entre 1917 e 1922, aos que, significativamente, quixo darlles este titulo mediante o cal opera cun intención metonímica de Galicia.

Deulle calor e agarimo a este proxecto para despexar a escuridade e depositou intelixencia e bo saber Miro Villar no momento de ordenar e editar un libro que se atopaba nos fondos da Real Academia Galega ata agora, e que ve a luz con primor editorial como adoita facer a editorial Alvarellos na súa meritoria colección «Rescate», xunto coa colaboración da Fundación Gonzalo López Abente. Deste xeito vólvese poñer no primeiro plano de actualidade a López Abente -un sólido escritor por quen ás veces se pasa sen reparar na súa relevancia- e, ademais, faise xustamente pois este libro rescatado supón, sen dúbida, unha das principais achegas que se realizaron ultimamente para exhumar o que ao meu xuízo é un valioso material literario que á forza cómpre entendelo no contexto no que ve a luz: en plena época das Irmandades da Fala, e no que a través dun cento de poemas agroman as preocupacións e as doutrinas identitarias do nacionalismo daquela época: o devezo pola liberdade, a singularidade e beleza da nosa paisaxe ou a férrea defensa da lingua e da tradición.

Non merecería ficar esta publicación dispersa e esquecida entre as últimas novidades. A exhumación destes textos ilumina un anaco da historia literaria de López Abente e, por extensión, da historia literaria e cultural de noso.

Ramón Nicolás

Comentarios desactivados en Bretemada, recensión de Ramón Nicolás no Caderno da crítica

Nov 29 2011

O Fado, Patrimonio Inmaterial da Humanidade

Published by under Arte,Música,Poesía

A nova de que o fado xa é Patrimonio Inmaterial da Humanidade é magnífica. Sucedeu antonte, 27 de novembro, e na mesma sesión a UNESCO tamén recoñeceu a outras catro músicas do mundo: o Mibu no Hana Taue, ritual do transplante do arroz en Mibu, Hiroshima (Xapón); o Sada Shin Noh, conxunto de danzas sagradas do Santuario de Sada, Shimane (Xapón); o balafón das comunidades senufo de Malí e Burkina Faso e o mariachi mexicano. Souben da nova sobre o fado no diario portugués Público, do que saliento este parágrafo: «A partir de agora, o fado não é apenas a canção de Portugal, a canção de Severa, Marceneiro, Amália, Carlos do Carmo, Camané, Ana Moura e Carminho – é um tesouro do mundo. Um tesouro que fala de Portugal, da sua cultura, da sua língua, dos seus poetas, mas que também tem muito de universal nos sentimentos que evoca: a dor, o ciúme, a solidão, o amor».
Desde que hai anos cheguei a ela apráceme moitísimo esta música, máis o fado lisboeta do que o fado de Coimbra, moito máis clásico e máis austero. Inicieime na voz de Amália Rodrigues e Carlos do Carmo, mais tamén me apracen fadistas tan diferentes como Dulce Pontes (a quen puiden escoitar dúas veces ao vivo en Compostela), Mísia ou Mariza (ambas e dúas tamén ao vivo) ou Ana Moura ou Cristina Branco, por citarmos algunhas voces senlleiras. Tamén escoitei fados de voces descoñecidas en Lisboa, en Porto e en Coimbra, aquí na Casa de Fados A Capella. Unha boa testemuña do meu aprezo por esta música son as pegadas que deixou na miña poesía. De feito, estaba moi presente nos diálogos intertextuais do meu primeiro libro de poemas, un sonetario publicado co título de Ausencias pretéritas (Espiral Maior, 1992). Na terceira parte intitulada “De ti e dos soños”, o décimo soneto que a pecha rende homenaxe a Amália Rodrigues.

X
Viaxei ao retirado fin último da terra,
visitei o santuario no pé do acantilado,
pola auga dos teus ollos continuaba salgado
daquela dor inmensa que a min ben se me aferra.

Vencín as asperezas dos montes e da serra,
cheguei mesmo ao mar verde por amar de contado
o teu corpo albo espido coa música dun fado
cantado por Amália no tempo da posguerra.

E vin o teu recordo morrer entre penedos
non sendo moi lixeiro no rescate do rostro
e facéndome o xordo diante dos berros mudos

que nos nós do cerebro meu daban brincos quedos.
Fun inmóbil testigo de ver medrar un costro
na pel, e despois logo cabelos sen veludos.

One response so far

Nov 29 2011

Primeiro de decembro, con Eduardo Blanco-Amor

(Premer na imaxe para unha mellor lectura)

O Centro PEN Galicia fai un convite público para participar na VIII Xornada de Homenaxe a Eduardo Blanco-Amor que organiza anualmente o primeiro de decembro en Ourense. Desta volta terá lugar ás doce da mañá (ao mediodía) no cemiterio de San Francisco, coas intervencións do poeta Luís González Tosar, presidente da entidade, e do narrador Bieito Iglesias. Razóns laborais impedirán a nosa presenza, mais de podermos non habería dúbida á hora de estar nesta sentida homenaxe que conmemora a unha das cimeiras da nosa literatura nacional.

Comentarios desactivados en Primeiro de decembro, con Eduardo Blanco-Amor

Nov 29 2011

Poemas (XX): «e entón é entón», do libro balea2, de Estevo Creus

Published by under Poesía,Presentacións

Sempre é unha grata nova dar conta da aparición dun novo libro de poemas dun autor ou autora da Costa da Morte. Máis aínda se, como sucede desta volta, ese autor ten partillado onda nós moitas aventuras literarias no Batallón Literario da Costa da Morte. De feito, xa contei aquí nesta bitácora como coñecín os primeiros versos en galego de Estevo Creus nun colectivo denominado Un medio, que artellamos en Cee por volta de 1986. Pois ben, 25 anos despois (que se di axiña) éncheme de ledicia ler o novo libro de poemas de Estevo, intitulado balea2, que na súa colección Di-Versos publica Edicións Positivas, ese fermoso e singular proxecto editorial do entusiasta e inesgotable Paco Macías. Na contracapa do libro aparece un fragmento do limiar:

“Este libro existe gracias a meu ben querido amigo e poeta Celso Fernández Sanmartín, que xuntando a nenos de a cinco e a vellos de a 100 nunha residencia de anciáns, tiveron a ben escribirme e mandarme debuxos de baleas.

Con eses debuxos e esas experiencias tentei escribir un libro que fora para todos: poemas de adultos para nenos e poemas de nenos para adultos coa intención de que a lectura fora conxunta, as explicacións e entendementos recíprocos, e de que as risas, se as houber, foran compartidas.

Do que si estou certo, é de que todos estes textos nunca estarán á altura do
acontecido eses días, e de que, estea eu onde estea, e pasen os anos que pasen, eu sempre vivirei alí, con eles:habitando entre cetáceos.”

[Contracapa do libro]

E velaquí un dos seus poemas:

e entón

é entón

e entón

cando ti saibas

e eu saiba

que todo empezou

moito antes de nacer

co primeiro cometa atolondrado

ou co primeiro choque de galaxias

ou coa primeira balea

de todas as primeiras baleas

dos centos dos primeiros algo

que existiron primeiro

que as baleas

 

entón

cando ti saibas

e eu saiba

e o mundo saiba entón

que a vida é o primeiro entón

 

a vida é o primeiro

estevo creus

2 responses so far

Nov 28 2011

Recensión a Luís Seoane en Compostela e outros ensaios, de Antón Capelán, tamén en Grial 191

Published by under Ensaio,Recensións

Xa se falou nesta bitácora do últimonúmero, 191, de Grial, Revista Galega de Cultura, que se pode mercar nas librarías ou na edición dixital na propia páxina da Editorial Galaxia. Alén da recensión que fai Teresa Seara ao meu poemario As Crebas, tamén se publican dúas recensións da miña autoría, unha a Máxico tear natural de Xosé Manuel Lobato e a outra a Luís Seoane en Compostela e outros ensaios, de Antón Capelán. Velaquí o texto completo desta última:

A erudición necesaria

Luís Seoane en Compostela e outros ensaios

Antón Capelán. Ames: Laiovento, 2010, 282 páxinas

Antón Capelán é un dos nomes sobranceiros no xénero dos estudos literarios, pois cada unha das súas investigacións posúe garantía de profundidade académica, coa erudición necesaria (á que moitos de nós temos recorrido en ocasións) e con sollidez e claridade expositiva na argumentación. Así o tesmuñan ensaios como Contra a Casa da Troia (1994), Contra a Casa da Troia (II) (1996), Diatribas manuelinas (2004), Silva de varia recensión (2005) ou a edición das Prosas completas / Dosinda Areses (1998), voz heterónima de Méndez Ferrín.

Desta volta a súa nova achega leva un título confuso ou que non sería o máis acaído na nosa opinión para anticipar o contido, pois Luís Seoane en Compostela e outros ensaios vén sendo a primeira parte do epígrafe do terceiro dos cinco ensaios. Neste pentateuco (que diría o profesor Alonso Montero) aínda hai lugar para outro ensaio sobre Seoane, aos que se engaden traballos sobre Vicente Risco, Eduardo Blanco-Amor e Celso Emilio Ferreiro.

Capelán é consciente da limitación do título cando o xustifica no Limiar por mor da celebración do centenario do nacemento de Seoane e sinala que a falla de estrutura non afecta á coherencia interna duns ensaios sobre catro dos máis importantes intelectuais galegos do século XX. Este Limiar convértese nun brillante ensaio a maiores, pois profunda no tema do compromiso intelectual con referencias ás súas orixes e ao seu desenvolvemento na Europa desde Emile Zola até a posguerra, así como as súas incipientes mostras no noso país nas épocas das Irmandades da Fala e da revista Nós. Non esquece Capelán subliñar a importancia da prensa para a divulgación de calquera ideario reformista ou transformador, e tamén para os sucesivos ataques e mesmo contrarreformas das posicións conservadoras. A derradeira páxina deste Limiar resume as relacións entre os catro escritores galegos citados que pertencen a promocións ou xeracións diferentes.

O ensaio inicial, “Un aspecto da propaganda franquista: Vicente Risco contra Jacques Maritain”, explica en 35 páxinas a evolución risquiana verbo do pensamento dos intelectuais católicos franceses, de maneira especial Maritain, que reaxiron contra o franquismo. Capelán repasa a diferente concepción de Risco ao rescatar as referencias a Maritain antes da guerra civil cando para o ourensán “era un dos máis importantes pensadores con que contaba o catolicismo”. A análise non se detén neste aspecto e debulla a deriva ideolóxica de Risco, que principia nos anos da preguerra cando a escisión da Dereita Galeguista, radicalizándose nos anos da guerra e na posguerra e como vai deostar nos seus escritos posteriores a obra e o posicionamento de Maritain e dos contemporáneos próximos á República. Os textos exhumados por Capelán sitúan as palabras de Risco nas beiras do falanxismo.

“A matanza de Oseira en Xente ao Lonxe” é o estudo máis completo, 76 páxinas, no que se analiza a sociedade ourensá contemporánea a Eduardo Blanco-Amor e a súa presenza na xestación da novela, con interesantes apuntamentos sobre as clases sociais e o movemento obreiro de Auria, sempre trasunto de Ourense. Unhas páxinas sobre o confronto entre o laicismo e a educación relixiosa anteceden á magnífica síntese sobre os lutuosos acontecementos de Oseira, o seu caldo de cultivo, os pormenores dos motivos da traxedia, as diferentes versións do conflito entre a ourensanía, as revoltas que provocou a matanza e as súas repercusións (a prol ou en contra) na prensa e no parlamento español. Deseguida sinala os ecos da matanza de Oseira primeiro na biografía de Blanco-Amor e logo en Xente ao lonxe. O ensaio remata facendo unha importante cala sobre a presenza do tema na retórica dos movementos agrarista e nacionalista e, por último, tamén na literatura popular e noutros escritores galegos (Nan de Allariz, Álvarez de Nóvoa, Vicente Risco, Joaquín Pesqueira, Otero Pedrayo, Castelao e Valentín Paz-Andrade).

Luís Seoane, en Compostela. Primeiras acometidas contra a torre de marfil” é un estudo de 55 páxinas que repasa os anos estudantís (coa participación activa na FUE e nos conflitos da época) e da súa formación intelectual. A seguir prodúcese a decantación natural de Seoane que inaugura o seu compromiso político nas organizacións republicanas, procurando sempre a síntese, ou como di Capelán “a conciliación desde unha perspectiva marxista das reivindicacións nacionais galegas coas reivindicacións de clase”. Un último capítulo deste ensaio aborda a imbricación de Seoane no contexto cultural de Santiago de Compostela, as súas primeiras accións expositivas e editoriais que serían o xermolo do posterior intelectual polígrafo que foi, así como o nacemento do seu interese pola ilustración de libros e a elaboración de capas que había ser tan ricaz nos sucesivos proxectos editoriais desenvolvidos no exilio bonarense.

As 33 páxinas de “Luís Seoane visto por Blanco-Amor” testemuñan o cambio de actitude de Eduardo a partir dos anos cincuenta con respecto a Luís Seoane e outros intelectuais exiliados. Antón Capelán aproveita aquí para deitar máis luz sobre ese diálogo distante entre os emigrados e os que chegaban ao que ía ser un longo exilio. Porén, Blanco-Amor e Seoane comezaron a coincidir en moitos proxectos culturais, tanto na prensa como nas actividades das entidades da diáspora, até tecer unha mutua relación de admiración e respecto, que había ter o seu cume nos artigos que Blanco-Amor lle dedicou á obra e ás actividades culturais e literarias, velaí a longa recensión en Céltiga á obra teatral La Soldadera que Seoane publicara en 1957.

Finalmente, as 42 páxinas de “Celso Emilio Ferreiro cara á ‘Terra prometida’: as súas crónicas periodísticas da viaxe a Venezuela” exhuman os artigos non compilados que o celanovés enviou a “As nosas páxinas galegas” do xornal ABC durante a súa viaxe a Venezuela no ano 1966. Antes diso, Capelán analiza como era Celso Emilio contra ese ano 1966, cando xa era o poeta galego de maior proxección e tiña como estética dominante a poesía social. Neses episodios salienta a súa relación con outros autores, de maneira especial con Cunqueiro, que representaba unha liña temática ben diferente no discurso literario. Con respecto ás “Cartas de viaje” en ABC, conclúe que non se deben desmerecer na obra de Celso Emilio por seren impresións de primeira man sobre a emigración en Venezuela e pola súa intertextualidae con poemas de Terra de Ningures e Viaxe ao País dos Ananos.

En definitiva, Antón Capelán agasállanos coa erudición necesaria para mellor coñecermos aspectos aínda envoltos na néboa ou inéditos de catro autores fundamentais ou para contribuír a chegarmos a novidosas conclusións a respecto da evolución persoal e intelectual de cada un deles.

Comentarios desactivados en Recensión a Luís Seoane en Compostela e outros ensaios, de Antón Capelán, tamén en Grial 191

Nov 28 2011

María Xosé Queizán, a nosa “Voz de liberdade”, (2011)

(María Xosé Queizán conversa con Marilar Aleixandre e Luís González Tosar. Foto de P. Rodríguez, La Voz de Galicia)

Faise difícil moitas veces entender a sociedade do noso amado/odiado País. Na mañá do sábado decorreu a entrega á escritora María Xosé Queizán do premio “Voz de liberdade” que outorga de maneira bienal o Centro PEN de Galicia, que preside o poeta Luís González Tosar. A asistencia ao acto non foi escasa, mais eu creo que a Queizán merecía un cheo a rebordar da sala e notei a faltar moita xente. Por exemplo, por que non estaban a maioría das e dos asinantes, coma min, do manifesto “O xogo das cadeiras”? Acaso, non era esta unha boa oportunidade para reivindicar maior presenza de mulleres na RAG? Por que non estaban, tampouco, a maioría das poetas mulleres? Acaso, non é a Queizán un referente inescusable para todas elas? Por que non estaban, tampouco (agás Salvador García Bodaño), a maioría dos seus compañeiros de xeración? Demasiadas ausencias para as que non teño resposta. En calquera caso, o acto foi un dos máis fermosos dos últimos tempos, literariamente falando. Sublime a laudatio da galardoada que fixo Marilar Aleixandre e que reproducimos abaixo. Obrigado e parabéns, Marilar. Magnífica a inesperada intervención da propia María Xosé Queizán que non quixo falar de si propia máis que de esguello e contounos o fermoso xogo intertextual entre a súa novela A semellanza e a novela negra Un cadàver desconcertant (traducida ao galego por Dolores Limoro para Cumio) do escritor catalán Josep M. Palau i Camps, falecido en 1996 e que non puido ollar a versión galega da súa obra. Xa logo, Berta Dávila leu uns poemas de Fóra de min; Inma López Silva e Afonso Becerreá de Becerreá interpretaron de maneira excelente un fragmento dunha peza teatral da escritora e Camiño Noia lembrou os seus anos de ensino e os seus ensaios pioneiros. Velaquí a laudatio de Marilar:

María Xosé Queizán: Celebrando a voz disidente, por Marilar Aleixandre

PEN Clube, Voz de Liberdade, 26 Novembro 2011

Grazas a María Xosé, ao PEN clube, a vós, por facerme partícipe deste día de celebración e ledicia.

‘A min, exiliada na Galiza, terra das avoas

disidente das lianas matrices

que dan vida e afogan’

(Fóra de min, 1994)

María Xosé Queizán, exiliada, disidente, ousada, transgresora, dona da voz e da palabra en suma: feminista.

A de María Xosé Queizán, como todas as voces de liberdade, é unha voz disidente. Voz de liberdade porque é quen de desenvolver a súa opinión e mantela, mesmo cando iso significa enfrontarse ás instancias oficiais (e a algunhas extraoficiais). Voz de liberdade, exercéndoa con todas as súas consecuencias, pois os grupos e tribos sociais non gustan da palabra incómoda, preferindo os que agochan a cabeza e calan, as que amordazan a propia lingua.

María Xosé puxo voz, pon voz, á disidencia ao patriarcado en Galicia. Pois aínda que hai quen gusta de crer que Galicia é un idílico lugar onde o patriarcado nunca exerceu a súa opresión, onde a violencia de xénero non existe, o certo é que en Galicia houbo e hai patriarcado. E non amamos menos este país as que dicimos en alta voz o que nos gustaría que mudase nel. Pódese querer desde a indignación. Como di María Xosé dirixíndose á ‘Galiza da saudade’:

¡Quixera morderte nos labios até facerche sangue!

Quérote con rabia

con indignación

(Metáfora da Metáfora, 1991)

Creo innecesario enumerar os méritos que fan a María Xosé Queizán merecente desta Voz de liberdade; para alén de ser coñecidos, constitúen unha lista interminábel. Vou prestar especial atención ao feminismo, pois é a cerna da obra literaria (incluíndo a ensaística) e da acción de María Xosé Queizán. En María Xosé obra e acción, escrita e vida, texto e compromiso, son inseparábeis. Pertence ás que a grande filósofa feminista Rosi Braidotti chama “grafoteimudas” ( así é como traduzo graphomaniacs), que “duplican a súa vida a través da escrita”. Ela é o que escribe e tamén o que fai, non desdeña luxar as mans na lama da vida real, tomar partido sobre cuestión quentes, a abolición da prostitución, a marxinación das mulleres nas máis diversas instancias, as leis inxustas, os costumes rancios.

Atrévese a criticar ás vacas sagradas, aos nosos devanceiros literarios, aos pais da patria, e ben sabedes que se hai algún lugar onde as vacas sagradas son máis sagradas que en ningures, é en Galicia, onde unha simple vaca é un totem. E se critica ás vacas sagradas ¿como non ía criticar aos bois sagrados?

¡Déixenme saír da trama da saudade

tecida polos románticos sociais

polos padres da patria

que me perden no bosco primixenio

poboado de celtas barudos

¡Déixenme escapar do árdelle o eixo

carballeira trasnoitada (…)

¡Déixenme librar dunha noite no muiño!

¡Déixenme destetar da galicia terra nai!

(Fóra de min, 1994)

Nese poema lévalle a contraria ao mesmo Castelao, proclamando: “¡Déixenme namorar cando vella!”.

María Xosé e mais eu encontrámonos por primeira vez nas xuntanzas dos movementos feministas que, comezando en 1975, deron lugar á AGM, a Asociación Galega da Muller en maio de 1976, aínda que eu lera textos dela desde que cheguei a Galicia. Dous anos despois, en 1978, ela sería unha das fundadoras da FIGA, Feministas Independentes Galegas. María Xosé foi pioneira na creación e participación de organizacións feministas, de revistas que constituísen veículos de expresión para a palabra silenciada das mulleres: Festa da palabra silenciada, en 1983. A súa é unha posición situada na acción colectiva das mulleres, unha acción feminista que, como propón Braidotti segue a ser necesaria nuns tempos en que o discurso neo-liberal ensalza o individualismo como comportamento social dominante, isolamento social que fai ás mulleres, e a todos os sectores sociais marxinados, máis vulnerábeis.

María Xosé celebra a pluralidade de voces de mulleres en moitos contextos, das poetas que encontraron acubillo na Festa da palabra, ás monxas dun convento que queren conversar con ela de feminismo.

A obra literaria de María Xosé é un exercicio de liberdade, de disidencia e transgresión. Nos poemas de Metáfora da metáfora, libro que inaugura en 1991 a colección de poesía de Espiral Maior, como nos de Despertar das amantes (1993) María Xosé canta un amor luminoso. Leva así a contraria, na práctica, aos que etiquetaron ao amor entre iguais, o amor homosexual, como amor ‘escuro’.

Amante, toliña

Perdida amante

¿non sabes que amar

é coñecer a linguaxe do amor?

(Metáfora da metáfora)

Nestes poemas, e no conxunto da súa obra, María Xosé empéñase na tarefa de devolver a palabra ás mulleres, en apropiarse da linguaxe do amor, en apropiarse da lingua e do verbo:

Baixei á cripta e rescatei o verbo.

Son poeta e decido coa palabra

o ser e o non ser.

(Metáfora da metáfora)

Rescata así a palabra, rescata a carne, o corpo e o desexo. A amante volta “á vida das palabras”. Esta é a muller que desexa, resistíndose a ser unicamente desexada. Como di Queizán, as mulleres pasan de desexadas a desexantes. De amadas a amantes. De faladas, cantadas, a falantes, poetas, trobairitz.

María Xosé é da liñaxe das Beatritz de Dia, Iseut de Capio, Tibors de Sarrenom, Gulhelma de Rosers. Da liñaxe da muller albixense que matou durante o cerco de Tolosa ao cruel Simón de Montfort guindándolle unha pedra, e da que a historia (sempre tan desleixada coas mulleres) non conservou o nome. Das que falan e das que actúan.

Recoñécese nas nais, nas avoas, mais tamén distánciase delas, nunha dialéctica de amor e rexeitamento. Recoñécese nelas, pois nosoutras tamén temos as nosas tradicións que honrar, as das mulleres que tomaron nas súas mans a o seu destino, a súa palabra. Digamos explicitamente que non é certo seren as tradicións patriarcais e conservadoras as únicas existentes. Vimos das nais que foron donas da palabra, María Xosé vén da liñaxe das Beatritz, Iseut, Tibors, Axalais, consigna os seus nomes no papel, traduce os seus poemas para lembralas e, coas palabras, volvelas á vida. Por outra banda, distánciase das avoas que aceptaron ser silenciadas, para rachar as mordazas que as reducían ao silencio, para negar que o destino da maternidade e o fogar sexa o único destino posíbel para as mulleres. “¡Deixemos apagar o lume sagrado!”, clama no poema titulado “Lume do fogar” no Despertar das amantes.

María Xosé celebra os soños das mulleres cando se fan realidade, a súa é unha escrita anoxada, cando cómpre anoxarse, como en Fóra de min; exultante, ao cantar o amor e a apropiación da palabra polas mulleres. Non precisamos choromicas, din os seus textos, senón afouteza e carraxe. Chega de remoer as derrotas, que foron moitas (algunha recente), e cantemos as nosas victorias. Vivimos moitas revolucións traizoadas, contemplamos como as máis fermosas palabras foron tomadas en van. Porén, dinos María Xosé, as veces entre liñas, ás veces explicitamente, recoñezamos que no século XX houbo polo menos unha revolución que triunfou parcialmente: a das mulleres. Celebremos que conseguimos ver materializados algúns dos nosos soños. Que logramos algunhas dimensións do discurso feminista seren apropiadas pola sociedade.

E seguimos soñando, María Xosé segue soñando e lidando para que os soños se fagan realidade, para que as mulleres ocupen todos os espazos, físicos, simbólicos, sociais, literarios.

Para que non se repita o maltrato ás mulleres, as mortes das mulleres que, adecuadamente, chama feminicidio.

Para que non se permita que as redes de trata de mulleres obriguen a rapazas a soportar violencia nos seus corpos, pois como di ela: «a prostitución, máis que un acto sexual, é un acto de poder que define ó sistema patriarcal».

María Xosé fixo volver á vida a cupletista, pois ela mesma é quen, cando chega a ocasión, de cantar un cuplé ou de bailar un tango.

Celebramos con María Xosé que nestes anos, coincidentes coa súa traxectoria literaria, acadamos algúns degraos de igualdade. Orgullámonos tamén na diferenza, en saber que somos mulleres, e como mulleres herdeiras dunha tradición que pode ser distinta (e por descontado que estou falando da educación e a cultura de xénero, e non da bioloxía pois, por ser bióloga, eu acredito pouco ou nada na bioloxía). Somos feministas e tamén femininas, e non nos avergoñamos de levar saias e adornarnos con flores. Levamos ben alta a sensibilidade e a cooperación. Desexamos que os varóns fagan súas estas dimensións feministas e femininas como xa fan algúns, así o noso chorado amigo Xan Traba.

María Xosé, grazas por seguir soñando o futuro, por facernos soñar contigo, por teimar cada día nese acto de fe no futuro que, segundo Rosi Braidotti, constitúe escribir. Grazas por axudarnos a imaxinar e facer realidade eses horizontes sociais de esperanza que hoxe, máis que nunca, son indispensábeis.

Comentarios desactivados en María Xosé Queizán, a nosa “Voz de liberdade”, (2011)

Nov 28 2011

Bretemada, recensión de Armando Requeixo no Faro de Vigo

Published by under Poesía,Recensións

O profesor e crítico literario Armando Requeixo vén de publicar o pasado xoves 24 de novembro no suplemento “Faro da Cultura” do Faro de Vigo unha recensión do poemario Bretemada, de Gonzalo López Abente. A devandita nota crítica, que reproducimos abaixo, tamén se pode ler co título de “Poesía bretemeira” no excelente blogue de Requeixo, que leva o título de Criticalia. Velaquí:

Poesía bretemeira

Calquera estudo rigoroso que recupere e actualice a figura e a obra de escritores galegos do noso pasado literario debería ser sempre ben recibido. Se, amais, o traballo exhuma textos inéditos ou descoñecidos dun autor, a achega faise dobremente valiosa.

Isto é o que acontece con Bretemada, un poemario escrito polo muxián Gonzalo López Abente entre 1917 e 1922 que, por motivos non sabidos (pois parece que nalgún momento da Posguerra estivo no ánimo do autor publicalo), chegou inédito ata hoxe en forma de mecanoscrito con numerosas correccións manuscritas.

O cento de poemas que compoñen Bretemada figura dividido en seis seccións: “Nemorosa”, “Pastora”, “Guerreira”, “Principesa”, “Escrava” e “Ceiba”. Estes bloques figuran precedidos dun poema de “Adicamento” e un outro feixe de versos en forma de “Introito”. En esencia, este centenar de textos presenta a Bretemada (metonimia de Galicia) na súa loita e arela de Liberdade, na súa reafirmación no pasado histórico e a Tradición, na súa defensa da Lingua propia e os seus sinais de Identidade, amais de demorarse na loa da súa beleza etnopaisaxística.

Competentemente introducido e editado polo poeta e profesor Miro Villar —quen xa se ocupara da biobibliografía do de Muxía na Antoloxía poética que preparara en 1995 para a editorial Espiral Maior—, Bretemada é unha importante contribución ao corpus literario de Preguerra que ve agora luz grazas á cooperación da Fundación Gonzalo López Abente (fundada aínda uns meses) e Alvarellos Editora, quen engade así un título indispensable á súa meritoria colección Rescate.

[Publicado no xornal Faro de Vigo, 24-11-2011]

Comentarios desactivados en Bretemada, recensión de Armando Requeixo no Faro de Vigo

Nov 25 2011

Na gravación do programa Eirado da TVG2

Onte visitei os estudios da CRTVG en San Marcos para gravar unha entrevista. Antes só visitara estas instalacións unha única vez durante 1998 (non lembro a data con exactitude e nalgures gardo aínda un video coa gravación daquel programa). Nesa altura a Televisión de Galicia tiña na súa grella de programación un programa de debate co título «A Chave», conducido polo xornalista Tino Santiago, e eu participara nunha palestra sobre a obra de Roberto Blanco Torres, o autor que ese ano protagonizaba os estudos literarios do Día das Letras Galegas.

Desta volta retornei a San Marcos para falar durante máis ou menos dez minutos sobre Bretemada, de Gonzalo López Abente, no programa Eirado, que dirixe Pemón Bouzas. Deste programa dise na páxina da CRTVG: «En “Eirado” teñen cabida as artes plásticas, o espectáculo, o cine, as novas tecnoloxías, a literatura, a arquitectura, etc. Pemón
Bouzas é o encargado de conducir un programa cuxo nome pretende facer referencia
a un lugar de encontro, xa que eirado é unha palabra que se refire ao lugar onde as xentes das aldeas se xuntaban a iso da atardecida para comentar as tarefas do día e tamén para celebrar festas. Así pois, o programa “Eirado” é un punto de encontro dos artistas galegos de todas as disciplinas».

Na sala de espera coincidín cos outros dous convidados literarios para o programa que se vai emitir o sábado 3 de decembro á medianoite na TVG2, se non me trabuco. Deste xeito coñecín persoalmente a Francisco Maseda que ía presentar o seu libro Galego de lei, sobre a figura do conde de Gondomar, e a Xosé María Gómez Clemente, presidente da Asociación de Tradutores Galegos, que ía falar sobre todo do proxecto de tradución Bivir. A verdade é que nos trataron de marabilla e falta que fai para me axudar a superar o pavor que lle teño ás cámaras, acrecentado pola forte catarreira destes días de finais de outubro. Pemón Bouzas estivo sempre a botar unha man para que todo saíse o mellor posible (xa traerei a esta bitácora o testemuño videográfico), alén de coincidir comigo no entusiasmo por este poema de López Abente que se inclúe en Bretemada.

One response so far

Nov 25 2011

Pola boca morre o peixe…

Published by under Historia,Manifestos

Máis unha vez algún medio de comunicación (pois a maioría calan ou terxiversan a noticia) dan conta da verborrea fascistoide que caracteriza ao inquilino do Pazo de Raxoi como actual (que non perpetuo) alcalde de Santiago de Compostela. “Van a sentir nuestro aliento en la nuca”, rematan as súas palabras dignas dunha antoloxía do trasnoitado fascismo puro e duro. Non é a primeira (lembremos as súas arroutadas contra ese magnífico espazo cultura que era a Sala Nasa ou contra a Gentalha do Pichel), nin será a última decerto. Desta volta as súas saídas de ton foron proferidas contra os grupos alternativos que nos escasos cinco días de okupación da Sala Yago, antes da violencia policial aquí referida, cometeron os “graves delictos” de reivindicar novos usos culturais para este predio, que pertence a unha familia que quere especular co espazo e que levaba pechado desde xuño do 2007. “Graves delictos” como o feito de poñeren a funcionar a antiga máquina de proxeccións, ou representaren obras de teatro e espectáculos de circo ou realizaren obradoiros e palestras. Curiosamente, as declaracións saen á luz pública o mesmo día que foi a inaugurar ao pé da fastosa Cidade da Cultura a nova denominación dunha rúa que agora vai levar o nome do ministro franquista, Fraga Iribarne, para vergoña da cidadanía consciente de Santiago de Compostela, e contra a que nós xa nos pronunciamos neste foro. Haberá que rescatar aquel coñecido berro de “Fóra fascistas da vida pública!!!”
E para os desmemoriados unha recomendación, este magnífico libro do xornalista Gustavo Luca de Tena do que reproducimos a portada.

Comentarios desactivados en Pola boca morre o peixe…

Nov 24 2011

Un novo documental sobre Man, o alemán de Camelle

Brétemas, do editor Manuel Bragado, é unha das bitácoras que sigo a miúdo. Alén de moita información cultural e literaria (e das crónicas celtiñas, que leo porque desde neno son do Celta de Vigo), sempre atopo nela cousas de interese. A última é este documental de Orestes Pérez sobre Man, o alemán de Camelle, e que case vén a coincidir no tempo co aniversario do seu pasamento. Tal e como sinala Bragado “a partir do minuto 7:30 incursiona no mundo do alemán de Camelle”. Na canle youtube aparece esta presentación do autor: «En una viaje a Galicia el año 1986, visitamos “A Costa da morte”, recorriendo sus aldeas, admirando sus monumentos y nada menos que conseguimos mover la gran piedra “a pedra d’avalar” frente a la Iglesia da Virxen da Barca en Camariñas. Tambien visitamos Camelle, mejor dicho, tuvimos la fortuna de ser recibidos por MAN, el anacoreta que da nombre a este reportaje». Para nós é obvio que a pedra de Abalar e a Virxe da Barca están en Muxía, mais pequenos erros coma este non embazan a calidade desta reportaxe documental con imaxes inéditas tamén de lugares como o espléndido mosteiro de Moraime.

Comentarios desactivados en Un novo documental sobre Man, o alemán de Camelle

Next »