Archive for Setembro, 2011

Set 30 2011

Día Internacional da Tradución

Hoxe é o Día Internacional da Tradución, que as tradutoras e os tradutores galegos exemplifican na persoa de Plácido Castro, nado en Corcubión en 1902. Alén do recente volume intitulado Breogán’s Lighthouse. An Anthology of Galician Literature, compilado por Antonio Raúl de Toro Santos, do que xa falamos aquí, a primeira vez que se traduciron poemas meus a varias linguas europeas foi cando recibín o Premio Tívoli-Europa en 1997, por Abecedario da desolación, que foi recensionado nunha revista italiana por Manuele Mansini en galego: «Pequena xoia de estilo este poemario de XXV textos, que en Itália gañou o premio “Tivoli Europa”, todos eles adicados, e pontualmente glosando, a poetas de todo espazo e tempo, por orden alfabética. A cuidadosa atención á composición formal dos poemas, a culta prática da glosa, a preciosidade do vocabulario que descobre novamente a potencia expresiva do léxico patrimonial da língua galega, en nada limitan a intensidade humana e a vibración poética deste percurso na precencia maxinada da amada, e sen dúbida marcado pola ausencia, polo diálogo cos ben coñecidos obxectos materiais, espazos e lugares que compuñan o teatro do amor, dialogando enfin coa súa desolación».
Varios textos deste poemario recolléronse despois no volume Il cammino di Santiago (1998), ao coidado de Filippo Bettini e Armando Gnisci, cuxa lapela sinala:
«Il cammino di Santiago: il cammino compiuto dai pellegrini, in una pluralità di lingue e di culture, verso il santuario di Santiago di Compostela. Il titolo è allegoria di questa pluralità cui si rivolge la ricognizione condotta dagli autori sulla giovane poesia europea (russa e inglese, greca e tedesca, scozzese e spagnola, francese bosniaca e albanese) con l’obbiettivo di contribuire a vivere l’Europa Unita anche nel campo della parola e dell’arte. Questo libro – atto inaugurale della prima edizione del premio internazionale di poesia Tivoli Europa Giovani – è un omaggio al vincitore, Miro Villar, mirabile poeta in gallego, qui tradotto in nove lingue perché possa esser letto da tutti i cittadini di questo nostro vecchio vitalissimo continente. Un omaggio in cui lo spazio del religioso finis terrae viene a coincidere con la laica ricerca di nuovi cammini in questo tempo d’interazione e di globalità».

Na seguinte edición, outro libro meu foi finalista do Premio Tívoli-Europa en 1998, Equinoccio de primavera, e desta volta un dos seus poemas apareceu versionado no volume Forse, questo è il confine (1999), tamén ao coidado de Filippo Bettini e Armando Gnisci. A lapela sinala desta volta:
«Nel 1998, le poesie dei dieci finalisti al Premio Tivoli Europa, sono state raccolte, in una pluralità di lingue europee, nel volume Il cammino di Santiago. Le poesie del vincitore, Miro Villar, con i suoi puri sonetti galleghi, ci condussero allora al finisterre atlantico. Il Premio del 1999, segnato dalle tragedie di una guerra che si consuma a metà strada tra Santiago e Mosca, ha come vincitrice Tat’iana Mìlova, una poetessa che ci conduce al confine opposto dell’Europa. La giovinezza che stilla dalla sua poesia forse è il sintomo di un’Europa che vuole avere un futuro e non vuole essere né il guardiano degli interessi dell’impero, né l’ammutolito museo del Nord del mondo. Come nel volume del premio precedente, anche in questa raccolta le poesie dei dieci finalisti verranno presentate in lingua originale e in traduzione italiana; mentre le poesie della vincitrice saranno offerte ai lettori in italiano, russo, inglese, greco, scozzese, tedesco, spagnolo, francese, bosniaco, albanese, ungherese».

Comentarios desactivados en Día Internacional da Tradución

Set 30 2011

O herdo de Cunqueiro (tamén na miña obra)

Estes días está a celebrarse o congreso “Mil e un Cunqueiros” organizado polo Consello da Cultura Galega e mais as tres universidades galegas, e os relatorios tentan botar luz e novas olladas sobre a súa inmensa figura literaria, aínda que de certo pasaron moi por riba polo compromiso falanxista do escritor, unha enorme lousa que ensombrece ao que é un dos nosos mellores autores na literatura do XX. Non me foi posible estar entre os asistentes ao congreso, mais veño de ler no portal culturagalega.org que, entre as moitas outras cuestións que se tratan nestas xornadas, está tamén a do herdo que o mindoniense deixou nas nosas letras. No resumo que nos ofrecen interesoume de maneira especial a contribución de Xosé Mª Álvarez Cáccamo para explicar a pegada poética de Álvaro Cunqueiro. Haberá que ler polo miúdo a súa intervención no momento de se publicaren as actas. En calquera caso, mentres lía a síntese do relatorio de Pepe Cáccamo matinei na presenza de Cunqueiro na miña propia obra. Lembro facer a súa lectura con devoción, como lle aconteceu a moitos poetas dos oitenta e dos noventa, porén nunca citei ningún dos seus versos nun poema meu, aínda que o seu nome ecoa neste soneto do meu libro Ausencias pretéritas (1992), que pertence á terceira parte intitulada “De ti e das palabras”, e que principia sempre cada estrofa co verso de Bernal de Bonaval, un dos segreis ou trobadores medievais que se adoitan relacionar con Compostela. Despois, como galano, tamén tedes a cantiga medieval cantada polo berciano Amancio Prada.
I
A dona que eu am’e tenho por senhor
ten unha palidez de intensidade
límite no solsticio da cidade
das augustas murallas derredor.

A dona que eu am’e tenho por senhor
ten un albo clarón de divindade
de crentes en xaxún de antiga idade,
deserto, tribo nómada e calor.

A dona que eu am’e tenho por senhor
ten maxia e ten tesouros, di Cunqueiro
e aos libros de don Álvaro remito.

A dona que eu am’e tenho por senhor
ten sinal de meigallo feiticeiro,
nome supersticioso, moito mito.

2 responses so far

Set 30 2011

O noso amor será eterno, de X.H. Rivadulla Corcón

De aquí a unha semana presentaremos un novo libro da Costa da Morte. O vindeiro sábado, 8 de outubro, ás 20,00 horas, no Salón de Actos do Voluntariado, de Muxía, a Fundación Gonzalo López Abente e Edicións Xerais de Galicia comprácense en convidarte ao acto de presentación do libro O noso amor será eterno, unha novela baseada na lenda da Buserana, de X.H. Rivadulla Corcón. O acto vai contar coa participación de Felix Porto (Alcalde de Muxía e Presidente da Fundación Gonzalo López Abente), Viki Rivadulla (escultora, pintora e Secretaria da Fundación Gonzalo López Abente), eu propio (escritor e Patrono da Fundación Gonzalo López Abente), Manuel Bragado (Director de Xerais) e o propio Rivadulla Corcón. Na lapela da propia novela, editada na colección Fóra de Xogo, fáisenos unha sipnose do argumento: «O trobador Buserán tiña dezaoitos anos, era home forte, de mirada chea de nobreza. A súa amada, Frolinda tiña 16, posuía unha beleza que estremecía os seres sensibles e o seu corazón estaba enchido de bondade e xenerosidade. Sentiron que querían estar abrazados, cada un habitar nos brazos do outro, comprenderon que nada na vida tería sentido se non a vivían xuntos, xuraron que seguirían unidos, pasase o que pasase. Buserán prometeulle que a forza do seu amor non sería inútil e Frolinda aseguroulle que o seu amor sería eterno. Rocío e Ramón, veciños da mariñeira vila de Muxía, ese mascarón de proa da vella Europa, coñecerán no acantilado da furna Buserana a fermosa pero tráxica historia de amor eterno entre aquel trobador e a súa namorada». Agardamos a vosa presenza o vindeiro sábado en Muxía.

Comentarios desactivados en O noso amor será eterno, de X.H. Rivadulla Corcón

Set 30 2011

Ningunha rúa de Compostela para Manuel Fraga

Published by under Historia,Manifestos

Na páxina da Comisión para a Recuperación da Memoria Histórica da Coruña asinei para que Manuel Fraga non tivese unha rúa en Compostela, unha acción promovida polo Movemento polos Dereitos Civís. Onte foi un día negro para a democracia, pois o actual Alcalde de Compostela, Gerardo Conde Roa, conseguiu que Manuel Fraga teña unha rúa na nosa cidade, coa vergoñenta complicidade dos concelleiros socialistas. De feito o anterior Alcalde, Xosé Antonio Sánchez Bugallo, xa o pretendera en 2006. Naquela ocasión a proposta non foi adiante grazas ás miles de sinaturas entregadas no Concello. Coma fixen eu, aínda podes manifestar o teu malestar e a túa repulsa por medio deste formulario co que lle estás a enviar unha carta directamente a Conde Roa. Velaquí a ligazón para participares:
http://mpdc.blogspot.com/2011/09/cargando.html
Ao asinares a petición estarás a enviar esta carta:
A ATENCIÓN DO ALCALDE-PRESIDENTE, Sr. CONDE ROA
O alcalde de Santiago, Gerardo Conde Roa, co apoio do antigo alcalde de Compostela, Xosé Antonio Sánchez Bugallo, acordaron levar a Pleno Municipal a proposta de lle pór o nome de Manuel Fraga Iribarne a unha rúa ou avenida da cidade.
Ante este feito, o asinante deste escrito quere amosar o seu rexeitamento a que se utilice a nomenclatura das rúas compostelás para honrar a unha persoa que non merece o recoñecemento social que se outorga a quen se lle dedica unha rúa. Por se non ficara evidente que a proposta do Sr. Conde Roa é inapropiada pasamos a relatar brevemente as razóns que xustifican a nosa posición:
1º) Hai que diferenciar entre o que significa un respecto institucional mentres ocupou a presidencia da Xunta do feito de que no nomenclator dunha cidade se lle renda homenaxe a unha persoa que non conta co apoio dunha boa parte da cidadanía.
2º) A avaliación da xestión do Sr. Fraga durante os anos que ocupou a presidencia da Xunta é claramente negativa para Galiza e discutida por amplos sectores sociais. Mentres que o Estado español medraba en desenvolvimento económico, Galiza afundíase nos principais indicadores socioeconómicos.
3º) O Sr. Fraga é senador do Partido Popular e, polo tanto, semella inapropiado neste momento que se lle homenaxee a un político en activo claramente vinculado a unha opción partidaria concreta.
4º) O Sr. Fraga Iribarne fixo parte destacada das decisións máis claramente antidemocráticas da ditadura franquista. Sendo ministro de Información e Turismo, asinou colectivamente, en Consello de Ministros, a execución de Julián Grimau e foi o encargado de contrarrestar propagandisticamente o acontecido, como tamén sucedería durante o Proceso de Burgos. Outra proba do seu papel principal na dirección do aparello de censura de Franco foi a condena de Alberto Míguez pola publicación da antoloxía bilingüe O pensamento político de Castelao.
5º) Por todo isto, e porque nun momento como o actual, no que debemos traballar para restituír a verdade sobre a represión que padeceu ou pobo galego após o golpe militar franquista, entendo que a nomenclatura das rúas nas que vivimos deben axudar a construír unha conciencia social xusta, respectuosa cos dereitos humanos e dos pobos, así como a restaurar a figura dos que representaron e defenderon os verdadeiros valores da democracia, do progreso e da igualdade.
Polo que SOLICITAMOS
Que sexa retirada publicamente a proposta do Sr. Conde Roa e do PP de homenaxear á persoa do Sr. Fraga Iribarne dedicándolle unha rúa da cidade.

3 responses so far

Set 28 2011

Pa negre, cinema en catalán na previa para os Oscar

Published by under Arte,Cinema,Lingua,Narrativa

Pa negre“, do cineasta balear Agustí Villaronga (un Licenciado en Historia), vén de ser escollida como a película do cinema do estado español que vai aspirar á candidatura do mellor filme estranxeiro nos Oscar de Hollywood e nos premios Ariel mexicanos. Esta nominación xa fai historia porque é a primeira vez que unha película rodada en catalán acada este recoñecemento. Villaronga, un cineasta de culto e cun estilo moi persoal, xa gañou con esta película na cerimonia dos Goya e tamén o denominado Premio Nacional de Cinematografía, do Ministerio de Cultura, por esta historia que versiona a novela do mesmo título de Emili Teixidor. Confeso que a min, cando a vin, a película decepcioume un chisco, se callar polas expectativas coas que acudía. Porén, o meu documentado amigo Xesús González Gómez opina neste artigo, no desaparecido A Nosa Terra, que Teixidor é un excelente escritor e que é moi boa esta novela, que aínda non lin e que ben se podería traducir á nosa lingua, se houbese editores sensibles. O “meu” crítico de cine Carlos Boyero, despois dos Goya, comentou:«Que haya ganado Pa negre, ese veraz, complejo, hondo, violento, estético y sombrío retrato de las barbaries que pueden ocurrir en la posguerra, los abusos de los ganadores y la aterrorizada supervivencia de los vencidos, de la mezcla de luces y sombras que existen en las relaciones de poder, es irreprochable. Es la película más sólida y emotiva que ha rodado ese director siempre inquietante llamado Agustí Villaronga. El trabajo de Nora Navas, Laia Marull, Marina Comas y Francesc Colomer es impecable. También gratamente sorprendente en el caso de esos niños tan espontáneos y creíbles».
En calquera caso unha boa nova para a normalización das minorizadas linguas periféricas. Para cando unha película rodada en galego? Para cando directores emblemáticos do que chaman “cine galego”, que eu non sei o que é, optan por rodar na nosa lingua?

Comentarios desactivados en Pa negre, cinema en catalán na previa para os Oscar

Set 28 2011

Poemas (XII): O gato da tasca mariñeira, de Bernardino Graña

Published by under Poesía


(reprodución dunha composición de Mike Stilkey)

O gato da tasca mariñeira

Aquí non hai silencio porque hai homes
falan os homes falan
aquí non pasa o vento esa fantasma
os homes falan falan
e fórmase outro vento outro rebumbio
unha fantasma feita deste fume
este fumar sen tino estas palabras
e pasa un suave gato que é da casa.

Beben viño coñac
berran discuten contan chistes mascan
un pouco de xamón tal vez chourizo
o gato ulisca cheira mira agarda
vai á cociña vense ao mostrador quixera
un anaquiño de boa carne un chisco
de tenrura algún queixo unha migaIla.

Aquí non hai vagadas nin roncallos
non se ven os cabezos nin as praias
o taberneiro bole saúda cobra serve fala
cambea mil pesetas chama á muIler á berros
e contesta ao teléfono ás chamadas
e os homes berran moito cheos de ira
e rin e danse a man e nada pasa.

O gato calandiño ergue as orellas
tan maino tan suavísimo sen gana
cruza por entre as pernas entre as botas
altas botas de caucho contra as augas co seu rabo
arriquichado e duro e tan en calma
e aquí non hai silencio que hai vinte homes
e están ben lonxe os mares que arrebatan.

Se acaso o gato mira os ollos do borne
guicha en suspenso escoita en paz agacha
unha orelliña aguda e indiferente
lambe teimudo e calmo unha das patas
e se acaso durmiña e abre un olIo
e ve que os homes beben fuman discuten moito non se cansan
de ensaladilla callos mexilóns anchoas
e viño e viño e viño tinto e branco en tantas tazas
e esgarran cospen entran saen empuxan brindan cantan
e a radio está acendida e óese música
e o gato pasa indemne comprendendo ten costume son os homes
non se espanta.

Bernardino Graña, Profecía do mar (1966, 1ª ed.)

Comentarios desactivados en Poemas (XII): O gato da tasca mariñeira, de Bernardino Graña

Set 27 2011

Parabéns a Bernardino Graña nos seus 79 anos

Os nosos parabéns a Bernardino Graña, que fai 79 anos pois naceu tal día coma hoxe. Este ano xa o agasallamos cando o PEN Clube de Galicia publicou unha antoloxía, baixo a miña responsabilidade, que parafraseando un verso seu intitulei Ser auga, darse en auga. Medio século: 1958-2008 e da que xa falamos nesta bitácora. O estudo introdutorio, de 60 páxinas, principia cunhas “Notas biográficas”, cuxos primeiros parágrafos din: Bernardino Graña Villar naceu en Cangas do Morrazo, no ano 1932. Fillo dun mestre nacional, coma tamén o eran os seus compañeiros de xeración Alexandre Cribeiro, Gustavo Docampo, X. L. Méndez Ferrín e Gonzalo Mourullo, foi seu pai, moi afeccionado ás letras quen o introduciu no mundo da literatura. E así, o primeiro libro en galego que leu foi Cantares Gallegos de Rosalía de Castro. Na súa familia sempre houbo unha experiencia de mar, seus avós eran mariñeiros e o propio Bernardino foi moitas veces ao mar co seu tío Emilio, un mariñeiro de baixura. Nunha entrevista explicaba: “Meu tío Emilio morreu hai pouco como mariñeiro, e parecía que me pedía sen pedirmo que cantase o mar, e cantase esa epopeia diaria. Sobre todo naqueles tempos, nos que con dous remos de madeira estaban a xogarse a vida”.
Aproveito para dar conta do artigo no que Alfredo Conde fixo unha recensión da antoloxía e remato con este video da AELG onde Bernardino dá resposta á pregunta: Por que empecei a escribir?

Comentarios desactivados en Parabéns a Bernardino Graña nos seus 79 anos

Set 27 2011

Terrence Malik, de profesor de literatura a director de cine (con moita sensibilidade)

Published by under Arte,Cinema,Fotografía

Esta fin de semana vimos a película “The tree of life” (A árbore da vida) de Terrence Malik, un antigo profesor de literatura que se “realiza” como director de cine (con moita sensibilidade) e que filmou moi poucas películas, entre elas aquela excelente e antibelicista “La delgada línea roja“. A súa nova película é para ollar na pantalla grande, xa que na casa ía desmerecer moito e mesmo podería ter fragmentos insufribles. Nesta páxina de filmaffinity pódense ler moitas críticas, mais quedo coa dese duro crítico que é Carlos Boyero, quen publicou a súa en El País cando a película se proxectou en Cannes, onde levaría a Palma de Ouro. Leo moitas veces a Boyero con agrado, malia que en ocasións non concordo coas súas opinións, porén desta volta suscribo todo o seu artigo, en especial este parágrafo:
«Admitiendo su innegociable vocación de juglar, hay tanta densidad en “El árbol de la vida” que a veces me pierdo y en otras ocasiones me conmueve. La media hora inicial la veo en estado de hipnosis aunque me resulte difícil saber de qué está hablando. Creo que del nacimiento del mundo. Esa catarata de imágenes retratando la naturaleza, olas, cascadas, volcanes en erupción, meteoritos que se dirigen a planetas y dinosaurios que acampan plácidamente en los ríos, tienen el aroma de los grandes documentales sobre las maravillas de la tierra, pero estoy deseando que aparezcan seres humanos, que me entere de cuál es la relación de lo que veo con la futura historia. Y cuando llega esa historia está retratada de forma deslumbrante».

Comentarios desactivados en Terrence Malik, de profesor de literatura a director de cine (con moita sensibilidade)

Set 27 2011

A pintura de Xurxo Martiño (Caxadas, 1964)


(“Faro de Fisterra”, 2009, e foto do pintor Xurxo Martiño en culturagalega.info)

Outro pintor soneirán de sona é Xurxo Martiño (Caxadas, 1964), que me agasallou de xeito ben xeneroso cun cadro da súa serie de paisaxes urbanas por ter participado cos meus versos nun dos seus catálogos para unha das exposicións antolóxicas da súa obra. A nosa colaboración xa viña de antes, pois súa é a imaxe do cabo Vilán que ilustra a portada da edición da Antoloxía poética de Gonzalo López Abente, que publicou Espiral Maior en 1995. Así a todo, nin Xurxo nin eu ficamos satisfeitos coa baixa calidade da impresión (como se pode abaixo ollar na reprodución) e que desmerecía en moito ao orixinal. Hoxe a edición comarcal de La Voz de Galicia-Carballo publica unha desas entrevistas sobre a infancia que adoitan facerlle aos persoeiros da Costa da Morte.

Comentarios desactivados en A pintura de Xurxo Martiño (Caxadas, 1964)

Set 27 2011

Por un ensino público e de calidade

Published by under Manifestos


(Foto da CIG-Ensino. Premer na imaxe para agrandar o tamaño)

Cando conduzo entre as tres e catro da tarde é o único momento que sintonizo a Radio Galega, para escoitar o Diario Cultural, cuxa redacción a integran tres excelente poetas, Ana Romaní, Anxo Quintela e Xiana Arias Rego. Pois ben, hoxe, logo de rematar e antes de mover o dial escoitei o boletín informativo das catro da tarde, cinco minutos de noticias e ningunha delas foi que máis da metade do profesorado galego non acudiu aos centros de ensino públicos por folga. Outro exemplo máis da manipulación dos nosos medios de titularidade pública. Para combater este silencio reproduzo a valoración que fai o meu sindicato:
A CIG-Ensino valora positivamente o seguimento da xornada de folga que afectou a todos os centros de ensino público en Galiza e foi secundada maioritariamente polo profesorado. “Isto evidencia, unha vez máis, o rexeitamento do profesorado como tamén das nais e pais aos reaxustes que a consellaría de Educación está levando contra o ensino público”, afirmaba Anxo Louzao á saída da manifestación da Alameda compostelá. O secretario nacional de CIG-Ensino denunciou ademais o uso partidista que continuamente está a facer a consellaría de Educación dos medios de comunicación públicos galegos. “Exixímoslle ao conselleiro que abandone a política de propaganda que fai tanto desde a páxina web da consellaría como dos medios e que deixe de mentir sobre as consecuencias que terán as políticas que está a impor a consellaría e sobre o seguimento das mobilizacións”. Anxo Louzao agradeceu expresamente o apoio que se está a recibir por parte das nais e pais e mesmo das ANPAS, entre as que salientou á Federación de ANPAS de Colexios Públicos de Compostela. “Son a mostra máis palpable de que estamos ante medidas de recorte moi lesivas para o ensino público”. Medidas que concretou no agrupamento do alumnado en distintos niveis educativos, nun importantísimo número de profesores/as, preto de 1.000, que teñen que impartir materias que non son da súa especialidade, carencia de prazas en F.P e na educación permanente de adultos, na dotación de máis de 1.000 profesores menos nos centros de ensino e na falta de recursos, tanto materiais como humanos para atallar o fracaso escolar, entre outras. “A imposición da aplicación do horario lectivo do profesorado e de realización de funcións que non lle son propias, como custodia do alumnado que usa transporte escolar, non só se trata dunha medida que prexudica ás condicións laborais dos profesionais do ensino senón que impón que moitos labores que tiñan que levar a cabo sexan imposíbeis de realizar, a non ser que a consellaría impoña un horario superior ás 37 horas e media actuais”, afirmou, salientando que, fronte á imaxe que pretende dar a consellaría, hai moito profesorado que ven ampliando o seu horario de forma altruísta. Despois de todas as mobilizacións que se teñen desenvolvido até o de agora, con catro manifestacións, dúas folgas xerais e varios paros de brazos caídos, a CIG-Ensino considera que isto debería obrigar ao conselleiro a “mudar a súa actitude, abandonar o seu autoritarismo e asumir as súas responsabilidades”. Do mesmo xeito, a CIG-Ensino exixe que cesen os ataques ao ensino público, ao que a consellaría “pretende enterrar, retire a imposición de ampliación do horario lectivo e de vixilancia do transporte escolar e dote dos recursos necesarios o ensino público.

Comentarios desactivados en Por un ensino público e de calidade

Next »