Archive for Agosto, 2011

Ago 31 2011

Dúas publicacións singulares


(O poeta Baldo Ramos coa publicación, foto dos Cadernos Arraianos)

Nestes mes de agosto descubrín dúas publicacións singulares que recomendo vivamente. A primeira é A Ramallosa. Caligrafías de luz da autoría de Carlos Lorenzo e Baldo Ramos, con senllos textos introdutorios de Méndez Ferrín e de Aser Álvarez. O libro foi promovido pola Asociación Arraianos, a Fundación Curros Enríquez e o Concello de Celanova. Carlos Lorenzo é o autor das fotografías que presentan de xeito artístico e poético a singular procesión dos farois da Ramallosa. Canda elas aparecen os versos e os trazos pictóricos de Baldo Ramos, que en conxunto compoñen o poema intitulado “Caligrafías de luz”.


(Imaxe tirada de trafegandoronseis, un dos meus blogues predilecto).

A segunda é da autoría do poeta Celso Fernández Sanmartín quen baixo o título Gratas e Boas Novas xunta unha colectánea de imaxes das postais enviadas desde a emigración. Un catálogo delicioso do que a crítica Teresa Seara dixo na presentación en Lalín:«As tarxetas postais, como tamén os poemas, constitúen pequenas conquistas nese empeño tan fondamente humano de atenuar as cicatrices que o tempo imprime sobre nós. Porque, sendo un anaco de memoria, as postais representan pequenas escenas do pasado que seguen pervivindo na fugacidade do presente e continuarán prologándose aínda no futuro. Nisto reside ese encanto irresistible que nos atrae cara a elas pois tanto a súa imaxe como o seu texto logran espertar en nós a imaxinación, sempre disposta a internarse en lugares e vidas que non nos pertencen. Non en van xa nos ensinara Niestzsche que “o mundo real é moito máis pequeno que o mundo da imaxinación” e así se demostra tamén nestas Gratas e boas novas que Celso Fernández Sanmartín nos agasalla, unha miscelánea de vida onde se fai patente a persistencia da memoria fronte á forza cruel do tempo que nos devasta coa súa perspectiva lineal, coa contudencia do seu paso inexorable. Enmárcanse pois as tarxetas, a foto, o telegrama, a carta que Celso recompila neste libro no mundo da ilusión porque, aínda sen coñecermos ás persoas que as enviaron e recibiron, énos doado sentir o desexo que guiou a man que as escribiu tanto como a ledicia dos seus propios destinatarios». O texto completo da presentación pódese ler aquí.

Comentarios desactivados en Dúas publicacións singulares

Ago 31 2011

Crebas de verán, as reflexións de Manuel Vilar

Sempre leo con interese os artigos do amigo antropólogo muxián Manuel Vilar Álvarez, compañeiro de angueiras desde hai uns trinta anos cando menos. No seu último artigo no dixital terraetempo fai unha reflexión e unha esculca sobre a presenza do termo “crebas” nalgúns territorios da Costa da Morte e na Gran Bretaña, alén de falar do meu poemario As crebas e das razóns do veto que sufrín na recente Feira do Libro de Cee tan comentado nesta bitácora. Reproduzo o texto completo:
«A palabra creba ten agora notable presenza no noso idioma e non só como efecto de crebar. As crebas son os restos, o refugallo, que o mar deposita nos areais, nas arnelas e nos coídos, especialmente cando o vento vira á travesía, e que algunha xente recolle para volver utilizar dándolle un uso distinto ao orixinal ou moi distinto.
Debe ser creba unha palabra fisterrá (pido perdón por esta incursión no campo da filoloxía) que agora se expande e populariza, e niso algo teñen que ver os poetas e escritores desta zona que a utiliza con frecuencia, así como outros artistas plásticos. Mais eu nunca escoitara até hai pouco esta palabra nesta acepción mariña. Sempre escoitara que as cousas que aparecían especialmente nas praias e nos coídos non tiñan nome, simplemente se dicía “botounas o mar”, “tróuxoas o mar” ou “tirounas o mar”, mesmo os cadáveres, pois cando un mariñeiros afogaba e o seu corpo desaparecía dise que “a de botalo o mar ós nove días”.
Neste agosto estiven por Touriñán falando cos vellos de alí e tampouco lles era coñecida esta palabra, pese a que eles tamén ían mirar o que “botaba o mar”, aínda que o que máis aproveitaban era o argazo para estercar as leiras. Tamén hai quen fala dos raqueiros, palabra que pode proceder do inglés wrecker, pero entendo que entra a través do español. En Camariñas mesmo había un proxecto para crear o museo das crebas.
En Laxe, conversando con vellos mariñeiros faláronme do “matute” ou “ese vai ao matute”, por un que ía mirar pola costa para recoller estes refugallos do mar. Mais matute tamén é unha persoa á que lle teñen pouco aprezo, “que vale pouco”. Nesta vila, que foi porto histórico da Terra de Soneira e agora está encadrada na de Bergantiños, tamén escoitei as palabras “chona” e “chonero” para referirse á xente que ía ao mar ocasionalmente, ou como me dixo un mariñeiro: “si che faltaba un [mariñeiro] collías un chonero”. Estes “choneros” tamén ían ao porto cando había que embarcar madeira, entón eles apiñábana no peirao cando traíana os dos serradoiros á espera de cargala nos barcos. Facían, pois, traballos ocasionais para sobrevivir, “eran tempos de muita fame”, dime un vello mariñeiro. Hoxe volve haber “choneros”, mesmo “legais”, son os contratados polas axencias privadas de emprego.
En varias zonas de Gran Bretaña tamén se fala da “colleita do mar” e en sitios, como nas Hébridas, isto notábase mesmo na paisaxe. Nas zonas máis expostas e propicias para os naufraxios facían os muros das leiras con madeira procedentes dos barcos, mentres onde o mar bota pouca cousa os labregos tiñan que arrincar a pedra para choer as paredes que protexía e delimitaban as súas propiedades.
E lembro o primeiro día de campaña electoral das municipais de 1983. Aquel día houbera no mar un forte temporal e o areal de Nemiña (Muxía) apareceu totalmente ocupada por madeira tropical. Seguramente o temporal varreuna da cuberta dalgún barco. Todos os veciños da zona fomos con tractores a carrexar táboas para as casas, moitos fixeron portas e mobles con elas, ninguén foi aos mitins ese día, nin os candidatos.
Pero agora estamos en tempo de verán e o mar non bota nada, tan só lixo nas praias. Non quería falar das crebas do mar, senón doutras crebas menos materiais. Resulta que o poeta ceense Miro Villar acaba de sacar un poemario con este título: As Crebas. Un poemario no que non hai crebas mariñas e si crebas simbólicas ou que teñen que ver cos sentimentos persoais.
O libro viña tendo unha vida normal: sae á luz porque gañou un premio, o XIII premio de poesía Concello de Carral, foi presentado en Compostela con gran afluenza de público, tamén foi presentado no Pindo e en Muxía. Sen embargo o autor non foi invitado -isto é un eufemismo- a presentalo na feira do libro da súa vila natal, feira que se celebra na semana das súas festas patronais, que son o 15 de agosto. Son as festas da virxe da Xunqueira, chámase así porque a lenda di que a virxe apareceu no fondo da ría no medio dunha xunqueira, unha creba máis. De ter que aparecer agora tería que chamarse “a virxe do Recheo”, porque a xunqueira foi engulida pola especulación.
Mais volvamos ás crebas poéticas. Sen información oficial, pero si oficiosa, todo indica que o autor foi vetado polo alcalde, Ramón Vigo Sambade, imputado no sumario da “Operación Orquestra”. Ao alcalde, tamén presidente da Asociación Neria, non lle debeu gustar que un vello compañeiro de escola rexeitase un premio simbólico, o faro Nerio, e que acompañase o rexeitamento cunha denuncia da corrupción. A subida en votos deulle azos para campar sobre a legalidade democrática e entender as institucións públicas como particulares.
E o poeta demostrou que temos que seguir sendo críticos, especialmente críticos en tempos poucos propicios. Os psiquiatras americanos inventaron a palabra “drapetomania” para falar dunha condición de desorde mental que afectaba aos escravos negros que fuxían das amabilidades do seu servizo e procuraban a liberdade. Mellor estarían ás ordes do amo branco.
Ante o silencio de moitos diante de formas cando menos pouco democráticas, un pregúntase se non teremos medo a procurar a liberdade e optamos por seguir vivindo baixo a benevolencia do poder. E neste contexto a cultura segue sendo un campo de conflitos, especialmente agora cando todo parece indicar que funciona máis ben como un valor de cambio e non como algo que ten que axudar á construción dunha sociedade mellor».

Comentarios desactivados en Crebas de verán, as reflexións de Manuel Vilar

Ago 31 2011

As crebas, nun artigo de Miguel Sande

Published by under Poesía,Recensións


(Fotografía de Caión por Casal de La Voz de Galicia)

Chega a min varios días despois da súa publicación o artigo “Caión, na Laracha, no verán” da autoría do escritor e xornalista Miguel Sande. Nos seus primeiros parágrafos hai referencias ao meu poemario As crebas. Velaquí:
«Aproveito o verán da Laracha, sobre todo, para usar a bicicleta e correr. Dispoñer de estradas sen apenas tráfico, mesmo a que vai ata a praia de Baldaio, na Pedra do Sal, é case un privilexio. Estes primeiros días de agosto acostumo a facelo e sempre levo un libro para ler nas rochas antes de volver, é o que me dá forzas para despois subir a costa onda as plantacións de frutais de Prim. Esta semana o libro que vén comigo na bicicleta é casualmente o poemario de Miro Villar, As crebas: interesante, de verdade, magnífico. Tampouco non descubro nada; Miro Villar é un dos poetas que sigo dende sempre con interese. Pero comecei estas liñas falando da bicicleta porque este domingo é o Día da Bicicleta na Laracha e non me estraña que teña participación e seguidores, pois A Laracha dispón de vías para andar mesmo con nenos en bici con tranquilidade».
Cando os afagos veñen dun bo poeta é para estar satisfeito.
O artigo completo pódese ler nesta ligazón.

One response so far

Ago 30 2011

Dicionario de escritores e escritoras da Costa da Morte


(Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)

Xa falamos nesta bitácora dunha das recentes publicacións do Seminario de Estudos Comarcais para a promoción do patrimonio cultural da Costa da Morte (Semescom) que foi presentada na Feira do Libro de Cee. Nese mesmo acto tamén viu a luz pública o Dicionario de escritores e escritoras da Costa da Morte, un volume compilatorio da autoría de Xosé María Rei Lema. Na súa Introdución o investigador, amigo e compañeiro de promoción (que non de idade, pois é máis novo ca min) en Filoloxía Galega, sinala:
«Incluímos neste dicionario aqueles autores que naceron neste territorio, mais tamén tiñamos que considerar os fillos da emigración, é dicir, os autores que naceron fóra e que regresaron á terra de orixe dos pais; así como aqueles que non nacendo na Costa da Morte viñeron vivir para aquí e/ou forman parte activa desta zona. (…) Compoñen en total o corpus desta obra 77 autores, que abranguen case trescentos anos de literatura na Costa da Morte, desde a publicación da primeira obra en 1728 (La barca más prodigiosa de Antonio Rioboo) ata as últimas obras que viron a luz no ano 2010. Non todos os autores teñen obra publicada en libro, mais incluímos tamén aqueles que deixaron un corpus interesante espallado en distintas publicacións periódicas. Oxalá este libro sirva para recuperar a obra de moitos escritores esquecidos».
E desde esta palestra animamos ao autor desta compilación, que ten no prelo en Xerais a Obra poética de Xosé Collazo, a publicar unha nova edición dos poemas de Teodoro Morgade, un autor que consideramos fundamental na Costa da Morte e que non goza dun amplo coñecemento.

Comentarios desactivados en Dicionario de escritores e escritoras da Costa da Morte

Ago 29 2011

Manifesto de apoio

Published by under Manifestos,Poesía


(Na foto de esquerda a dereita, o escritor Rivadulla Corcón, eu, o alcalde de Muxía no uso da palabra, a concelleira de Cee e deputada provincial Zaira Rodríguez e o poeta Alexandre Nerium. Na fermosa praciña do Cabo da Vila, de Muxía, o pasado venres 29 de agosto na presentación do meu poemario As crebas. Premer na imaxe para a súa ampliación)

Na altura de estarmos a principiar a nosa viaxe a Cornualles fíxose público un manifesto das xentes da cultura da Costa da Morte (con algunha ausencia significativa, por certo) de apoio á miña persoa por mor do silenciamento na Feira do Libro de Cee do que xa falamos aquí e acolá. Os diarios La Voz de Galicia e o dixital quepasanacosta fixéronse eco do texto que reproduzo deseguida, ao tempo que lle fago chegar unha sentida aperta a cada un dos asinantes. Até hoxe non puiden coñecer o seu contido, mais a miña gratitude é e será sempre inmensa. Saúde, camaradas da palabra.
Manifesto
Os e as abaixo asinantes, na nosa calidade de escritores/as, investigadores/as e demais integrantes do amplo espectro cultural da Costa da Morte, queremos manifestar publicamente a nosa absoluta solidariedade e apoio para co profesor, escritor e poeta Miro Villar (Cee, 1965), autor dunha exitosa e prolixa obra de creación literaria en lingua galega.
Asemade, queremos manifestar a nosa sorpresa pola ausencia do referido escritor ceense no programa de actividades da XIII Feira do Libro de Cee celebrada a pasada semana, así como lamentar o silenciamento a que foi sometido por parte dos e das organizadores e organizadoras da devandita feira nun ano especialmente prolífico para a creación literaria do recoñecido poeta.
Finalmente, cremos que de se confirmar que este silenciamento é consecuencia da súa actitude crítica para cos poderes políticos locais, que tivo expresión na recente renuncia ao galardón Faro Nerio a pasada primavera, trataríase dunha intolerable acción impropia dun contexto democrático coma o actual.
Asinan o texto: Marilar Aleixandre (escritora), Miguel Vázquez Freire (escritor), Luis Lamela García (escritor e investigador), Xavier Vilhar Trilho (profesor e ensaísta), María Lado (poeta), Chisco Fernández Naval (escritor), Alexandre Nerium (poeta), Xelucho Abella (escritor), Julio Castro (director de Paradores), Xan Fernández Carrera (escritor), Xoán S. Pazos (poeta), David Creus (poeta e profesor), Germán Martínez Traba (actor), Vicky Rivadulla (técnico de cultura), Fernando Cabeza Quiles (escritor), Paco de Tano (poeta), Miguel Anxo Mato Fondo (escritor e profesor), Xaime Trillo (poeta), Tomás Lijó (actor), Rosalía Fernández Rial (poeta), X. H. Rivadulla Corcón (escritor e xornalista), Manuel Vilar Álvarez (historiador), Mónica Góñez (poeta e filóloga) e Modesto Fraga (poeta). Este último foi a alma mater da iniciativa e tamén dá conta dela na súa páxina persoal.

3 responses so far

Ago 21 2011

De viaxe a Cornualles. Deica a volta

Published by under Roteiros

E agora chega a hora da nosa agardada viaxe a Cornualles. Mar e mais eu facemos parte da que organiza o Seminario de Estudos da Costa da Morte, levando como guía ao amigo Manuel Vilar. E para as amigas e amigos que anden pola miña vila, espero que non se perdan a XXIV Mostra de Teatro de Cee, que organiza Talía. Déixovos con dous videos de espazos e lugares que poderemos gozar. Saúde e até a volta.

2 responses so far

Ago 21 2011

Grazas, obrigado pola vosa solidariedade

Published by under Encontros,Poesía


Tamén onte, na altura que estaba a se celebrar a palestra de debate do I Simposium Monte Pindo. O Olimpo celta, a debate, que organizou a asociación Monte Pindo, Parque Natural, tiven que marchar ás carreiras para Cee. No Monumento ás Liberdades (da autoría do escultor Álvaro de la Vega, lugués afincado durante moito tempo en Corcubión) tiña lugar un acto, cuxa convocatoria saíu das redes sociais da internet, aínda que a iniciativa debeu partir de Federico López Santalla ou Federico de Lires, unha das persoas que participou na fundación do Batallón Literario da Costa da Morte. E por aló andaba tamén o escritor Luís Lamela García. Estaba na obriga de aparecer xa que se trataba dun acto de homenaxe popular á cultura da comarca, representado na miña persoa, por mor do silenciamento producido na Feira do Libro, que xa narramos aquí. Do punto de vista cuantitativo a resposta foi escasa, unha decena de persoas, mais do punto de vista cualitativo a convocatoria foi reconfortante para min, como tamén o foi ler ese mesmo día o último artigo de Xosé Luís Louzán no dixital quepasanacosta. No acto algúns dos asistentes quixeron ler poemas da miña autoría, uns escolleron pola súa brevidade algún texto do meu libro 42 décimas de febre (1994) e outros do último, As crebas. Fixen unha brevísima intervención para agradecer a solidariedade e lin este texto, tamén do poemario As crebas, que ten moito a ver coa liberdade.
O cárcere

dame tu mano
espera
debo ajustar mi cuerpo
hasta alcanzarte
«Dame tu mano», Saudade (1999), CLARIBEL ALEGRÍA

Máncaste como o Sol de febreiro dá en Gures e sentes o abandono na pel de Caneliñas, un lugar de cetáceos, confín da desmemoria que proe nos sentidos con reverberación.

Pensas de xeito inútil qué axustes no teu corpo son precisos agora no leito das baleas para non percibires arpóns cheos de dúbidas a desangraren lentos os solpores do invernos.

E soñas co panóptico dun cárcere distante, non é Reading, son outras as baladas e o canto fala de liberdade, sutil antimonía, e comungas cos presos os motivos da culpa, todos tan diferentes como as mans que descobres, semellantes ás túas no afán inaprensible.

Comentarios desactivados en Grazas, obrigado pola vosa solidariedade

Ago 21 2011

Máxico tear natural, de Xosé Manuel Lobato


Onte tiven o pracer de presentar o libro Máxico tear natural, do amigo Xosé Manuel Lobato, dentro do I Simposium Monte Pindo. O Olimpo celta, a debate, que organizou a dinámina asociación Monte Pindo, Parque Natural. Velaquí a miña intervención:
Hai un par de anos saudei o libro Retorno a Natura (Alvarellos Editora, 2009) de Xosé Manuel Lobato cunhas palabras de Eduardo Galeano: “O home é o único animal que corta a póla sobre a que está sentado”, pois resumían a cerna do volume, que non era outra que a preocupación ecolóxica e o respecto polo medio ambiente. Algunhas desas prosas coñeceron unha primeira versión que se publicou nas páxinas do extinto (en papel) xornal Galicia Hoxe, un feito que non deixa de nos preocupar, compartamos ou non a liña editorial desta cabeceira.
(Por certo, aquel libro incluía un texto intitulado “Profanación sen control” no que o autor se manifestaba contra as ameazas en forma de piscifactorías que sobrevoan Quilmas e Porto do Son e tamén visitaba as abas do Monte Pindo).
Con moitos vimbios que poderían construír un cesto semellante a aqueloutro, Máxico tear natural (Alvarellos Editora, 2011) de Xosé Manuel Lobato abre novas perspectivas, sen que por iso se afaste por enteiro da prosa poética e da denuncia que aliñaban as páxinas da súa anterior entrega. Podería, pois, ser unha segunda parte, mais alentan aquí aspectos novidosos e está máis próximo do caderno ou libro de viaxes. E habería que lembrar as palabras do poeta leonés Julio Llamazares “los libros de viajes son literatura en estado puro”. Non fago esta cita ao chou, pois o novo libro de Lobato está moi emparentado con libros de Llamazares como El río del olvido, onde se describe polo miúdo un roteiro a pé que segue o curso do río Curueño, no corazón das montañas leonesas, nun espazo impresionante e fermoso, afectado pola despoboación. “Foxa do lobo”, que retrata unha aldea da serra do Xurés, ou sobre todo “Ciclo pechado”, que segue a canle do río Selmo nas montañas do Courel serían testemuño desta querencia de Lobato por espazos que estamos a condear ao abandono e ao silencio.
De feito e a xeito de Limiar, nas “Palabras previas” o autor xustifica as razóns que o levaron a escribir esta proposta, entre elas que o libro “foi realizado con tanto apego á terra que leva dentro o seu intenso arrecendo e cativador espírito que sempre magnetiza”.
Son 23 prosas para 23 roteiros posibles, que se inician no carreiriño da punta Cabicastro (Sanxenxo), sentindo o barrelo das illas Cíes ao lonxe, e que rematan no mentado percorrido polo Courel, no que o ficional personaxe de Xan da Devesa rende contas e manifesta o seu desexo de regresar á terra nativa da que se afastou aos quince anos (e outra volta a problemática da emigración que enche moitas das páxinas escritas por Lobato, en especial os libros Diáspora.com (2002) e Cos pés na peneira (2005), mais tamén os seus estudos académicos). Tema que tamén protagoniza o relato “Cantar para unha branca merliña”, que inclúe unha sentida homenaxe ao poeta rianxeiro Faustino Rey Romero.
A ollada do narrador, e aquí eu vexo ao atento camiñante que non quere deixar fuxir detalle e que percorre devagariño os espazos armado co seu lapis e o seu caderno (ben o sei por ter partillado co autor varias camiñadas, entre elas a subida á Moa), vai tecendo as palabras que o levan a defender as construcións que herdamos do mundo rural, hoxe en descomposición. Así, “Moendo na historia” lembra o pasado das muiñadas nos muíños de Armenteira no Salnés, ou coñecemos en “Soidade nas fragas” (do Eume) as denominadas “curritas” (eu aprendino neste libro), que son construcións adicadas á conservación das castañas, o alimento da nosa poboación antes de chegaren as patacas de América. Ou aquelas obras de enxeñaría romanas como o Montefurado, en “Relicario vermello” Lobato describe as cicatrices deixadas polo túnel naquela terra de cores ocres.
E aínda hai lugar para outros ríos, de vida, porque o Lobato pescatín de troitas sente verdadeira fascinación polos cursos fluviais. Alén dos citados, está o Támega en “Brillante movemento continuo” que nos ofrece “unha fonoteca mística de dimensións e resonancias infinitas”, o río Varón en “Rodando no medievo”, que acompaña a un camiño Real que foi tamén a ruta dos arrieiros na comarca do Avia, ou o “Solsticio no Samo”, pequeño río do concello de Frades onde “unha parella de troitas xira sobre o cume das augas describindo un círculo perfecto, imbuídas no seu estraño xogo mentres son arrastradas pola corrente”. E, como non, o “Ulla silandeiro”, no que atopamos unha detallada descrición de todas as ameazas que alteran o seu sosego: sobexos aproveitamentos hidroeléctricos, contaminación por vertidos que se fan con impunidade ou o descoñecemento da flora e da fauna que se deberían protexer e poñer en valor medioambiental.
Alén dos ríos, tamén o mar en “Nunca xamais” que nos leva a percorrer As Sinas e a illa da Cortegada, coa microtoponimia dunha serie de cons e marcas do mar, os vellos nomes con arrecendo salgado que sempre debemos recuperar e conservar como parte do noso patrimonio marítimo cultural. “Mística surada” achéganos ás illas de San Simón e de San Antonio, relembrando o seu esplendoroso pasado na literatura medieval e esquecendo, aposta, a súa negra historia de cárcere e campo de concentración franquista.
“Fiteiro sosego feiticeiro” engrandece a historia mítica e lendaria do Pico Sacro que se humaniza coa homenaxe ao vello mestre Manuel Gacio que introduciu a todo o seu alumnado, e Lobato foino, na consideración e no respecto polo sacro monte do Codex Calixtinus. E o personaxe de Xusto Plácido fai outra proposta semellante desde os penedos do Oulego, no aciñeiral da Serra da Lastra.
Tamén hai lugar para as presenzas fantasmais ou misteriosas como a que enche o “Luar do Carboeiro” que envolve o magnífico mosteiro románico. Ou o “inmenso e fastoso cofre” que debuxa a inmensidade doutra abadía, o mosteiro de Samos. Ou o concerto dunha banda que realza o templo visigodo de Bande, en perfecta harmonía entre o son e a pedra milenaria. Ou a fonte que satisfai a sede dun grupo de peregrinos ao pé co castelo de Pambre, mentres “A vouga ollada vacún” dunha Marela testemuña o paso dos romeiros preto da igrexa de San Nicolás.
E como non, dialoga tamén Lobato con varios dos nosos viaxeiros, como Ramón Otero Pedrayo (en Pelerinaxes I, 1929, no que tamén hai personaxes que axudan ao narrador a describir a viaxe, ou na súa máis científica Guía de Galicia, 1954, escrita en castelán) e Ben-Cho-Shey (pseudónimo de Xosé Ramón e Fernández-Oxea, autor daquel magnífico “Maestros menores del Románico rural gallego”, publicado en Cuadernos de Estudios Gallegos, XVII, 1962), para nos ofrecer outra perspectiva na lembranza antropolóxica do culto de Santo André de Teixido.
E finalmente nós, os habitantes desta fin última da terra, “Fieira na terra do acolá” onde se percibe a insignificancia do ser humano no cabo de Fisterra, “Camariña profunda” que narra o fermoso paseo que se pode facer entre Santa Mariña e o cabo Vilán, con especial incidencia no Monte Branco e no Cemiterio dos Ingleses, onde naufragaron o Serpent e o Trinacria, e onde as boleiras ou coídos formados pola natureza semellan querer render a súa homenaxe a Man, o alemán de Camelle, a quen matou a dor da desfeita do Prestige. E “Necrópole pétrea” para falar da pena da Moa, no Monte Pindo, irmanada na lenda da raíña Lupa co Pico Sacro da infancia do noso autor.
Paisaxe física e paisaxe humana, porque Lobato tamén soubo escoitar ás persoas coas que se cruzou nestes roteiros, porque como tamén dicía o leonés Julio Llamazares: “Los mejores escritores que yo he conocido son los viejos de mi pueblo, de cualquier pueblo, porque cuentan como nadie, como me gustaría contar a mí, con una magia y una capacidad de fascinar, que es lo que creo que los escritores más o menos profesionales intentamos imitar”.
En definitiva, Lobato tratou de nos transmitir a beleza dos espazos a través da emoción da linguaxe, que pretende ser minuciosa, precisa, e da ollada sempre atenta e perspicaz, unha ollada limpa que ás veces tropeza co descoido ou, peor aínda, co esquecemento destes lugares que fan parte de Nós.

One response so far

Ago 21 2011

As crebas, unha breve crónica da presentación en Muxía


(Na foto de Xesús Búa, para La Voz de Galicia, de esquerda a dereita, o escritor Rivadulla Corcón, eu, o alcalde de Muxía no uso da palabra, a concelleira de Cee e deputada provincial Zaira Rodríguez e o poeta Alexandre Nerium).
Na fermosa praciña do Cabo da Vila, de Muxía, fíxose o pasado venres a presentación do meu poemario As crebas, concorrida malia a fresca da tardiña que se foi convertendo en friaxe nocturna pouco a pouco e coa presenza de amigas e amigos, algún deles magníficos representantes do mundo da cultura na Costa da Morte. Por razóns protocolarias abriu o acto o alcalde co Concello de Muxía e presidente da Fundación Gonzalo López Abente, Félix Porto Serantes e continuou Zaira Rodríguez Pérez, concelleira de Cee, que asistía en nome da Deputación Provincial, un dos patronos da Fundación. Deseguida o escritor muxián e vicepresidente da entidade, Xosé Henrique Rivadulla Corcón realizou unha análise detallada do libro, da que daremos conta noutra ocasión, e o poeta fisterrán Alexandre Nerium, que antes xa explicara o concepto de “crebas” a petición de Corcón, fixo unha paráfrase do libro e un emocionado recordo da nosa amizade que se xestou hai ben anos por motivos literarios, lembrando a nosa primeira coincidencia nunha revista fisterrá chamada O Berrón, que dirixía Roberto Traba Velay aló polos anos oitenta e cuxa historia lembra Iván Fraga Moure nesta publicación. Na miña intervención lembrei a memoria do editor Ánxel Casal, do que xa falamos aquí, e tras os pertinentes e sentidos agradecementos e unhas brevísimas notas sobre o libro (o frío ía in crescendo), convidei aos poetas Rosalía Fernández Rial, Modesto Fraga e Xaime Trillo a leren cadanseu poema e rematou o acto coa miña lectura doutros textos, entre eles este:
As sabas a clareo

Recordar sempre doe, porque aínda que laves con lexivia as sabas nunca branquea a dor que impregna cada engurra do algodón dos abrazos e segues os consellos que escoitaches da nai para a roupa encoirada, darlle xabón lagarto e logo deitar na herba as sabas a clareo.

Agardas unha tarde, non de sol formigueiro, de sol de primavera nunha herba soalleira e deitas os recordos de manchas amarelas, prendidos entre as sabas como piolla vella.

E observas con asombro que a túa nai coñece os segredos da vida e agora no tendal penduras a memoria branca e o seu recendo asolaga os recantos dos teus espazos íntimos.

One response so far

Ago 21 2011

Liberdade de expresión na Costa da Morte


Onte publicouse na edición de Carballo de La Voz de Galicia un excelente artigo que reflexiona sobre os perigos que axexan o exercicio da nosa liberdade de expresión. Intúo, pola maneira de escribir, a quen corresponde o pseudónimo Moncho Oliveira que asina este “Libertad de expresión en la Costa da Morte”, mais respecto o seu desexo de se manter no anonimato. En calquera caso expreso a miña coincidencia cento por cento co seu contido e, daquela, os meus parabéns.
Reproduzo aquí o devandito texto:
“Existen políticos que tienen un serio problema con la libertad de expresión, una de las señas de identidad de cualquier democracia que se precie.
Y, a veces, estos singulares políticos intentan «coaccionar» la información ofrecida por los medios de comunicación social, incluso utilizando medios policiales con la disculpa de haberse cometido presuntamente alguna «irregularidad» administrativa; en otras ocasiones abroncan a determinados funcionarios por haber cumplido con sus obligaciones ciudadanas o judiciales, y, en otras, vetan a determinadas voces discrepantes para que no puedan crear opinión ciudadana.
Actitudes todas ellas que nos llevan a pensar, quizás metafóricamente, en la Santa Inquisición o en las hogueras que los dictadores y la Iglesia hacían con los libros que política o religiosamente consideraban perjudiciales para sus recónditos intereses de poder. Y la condescendencia y el silencio de sus votantes, identificados con estos procedimientos, les facilita el oxígeno suficiente como para seguir galleando?
Porque, aun hay quien creyéndose beneficiado por estas actuaciones, las aplauden, votándoles en las elecciones, y mirando para otro lado creyendo que estas formas de hacer política y comportamientos antidemocráticos nunca les podrá afectar a ellos negativamente.
Pero, lo que llueve hoy por unos, también mañana podría llover para otros y el paraguas de la indiferencia ya no servirá para no mojarse… Reflexionemos pues, sobre esta clase de dirigentes que, de la Administración local, hacen su cortijo con actitudes antidemocráticas y con una impunidad culpable ante la indiferencia y el silencio de sus seguidores.
Porque no todo vale, nada es inocente en esta vida…”

Comentarios desactivados en Liberdade de expresión na Costa da Morte

Next »